O dúo galego lanza este venres, 17 de abril, o seu décimo álbum: un traballo frontal onde o trap en galego se funde definitivamente coa cultura de rave
Hoxe é o día. Boyanka Kostova non só sopran as velas polo seu décimo aniversario como pioneiros absolutos do trap en Galicia, senón que o fan entregando a súa obra máis electrónica e afiada ata a data: X. Este décimo disco non é só unha cifra redonda, é a consolidación de Chicho e Cibrán como os «matemáticos do hedonismo, da rave e da xustiza social».
O que empezou como unha revolución urbana en galego evolucionou cara a un son máis electrónico e ‘raveiro’, onde o hard-bass e o techno máis frontal ditan as normas. En X, o dúo desprega un arsenal de himnos que funcionan como manifestos dunha vida ao límite e combativa pero ‘disfrutona’, e que asenta á formación como o máximo expoñente da música urbana vinculada á electrónica de vangarda tras anos de experimentación.
O estilo de Boyanka Kostova, tan ecléctico como contundente, queda reflectido nunha produción que vai desde os sampleos inesperados de artistas como Sade ata ritmos deseñados para o colapso da pista de baile, contando ademais con colaboracións de altura como a de Joe Crepúsculo ou a de Rulo (amigo da infancia e parte fundamental do equipo da formación).
A chegada de X ás plataformas dixitais é só o pistoletazo de saída. Boyanka Kostova xa teñen a maquinaria en marcha para levar este asalto sonoro ao directo. As entradas para as súas presentacións en cidades como Santiago de Compostela, Madrid e Barcelona xa están dispoñibles, prometendo ser o punto de encontro definitivo para celebrar dez anos de vangarda, retranca e cultura de club.
VINDEIROS CONCERTOS
01.05 · Portonovo
15.05 · Viveiro (La Conservera)
27.06 · Abadín (Festival Rumboia Viva)
08.10 · Barcelona (Sala Upload)
09.10 · Madrid (El Sol – MAZO)
26.11 · Santiago de Compostela (Sala Capitol)