Os betanceiros, cos obxectivos cumpridos, intentarán amarrar a sétima praza
Tras a meritoria vitoria do domingo pasado por 97-91 contra Caja Rural Reino de León, que certificaba os obxectivos de permanencia en Tercera FEB un ano máis para os de Betanzos, a última xornada de liga regular leva os rapaces de José Amando Pena “Soviético”, asistido no treito final de temporada por Chema Carretero, ao pavillón municipal do Milladoiro, onde xoga decote o Obradorio Ames. O rival, último da competición con 5 vitorias e 20 derrotas, xa descendido hai varias xornadas, non xoga xa nada polo que, dado que a única incerteza é se o Ineltrón consegue manter a sétima praza da liga, se prevé un encontro en que os dous equipos busquen agradar os seus seareiros sen máis presións ca os do propio curso do partido. Remata así unha temporada máis en Tercera FEB para o equipo betanceiro, nunha esixente liga que pode chegar a determinar, ao remate da mesma, ata 6 descensos a Primeira Nacional, concretamente os correspondentes aos postos 9º ao 14º. Así valora o encontro o adestrador betanceiro: “Enfrontamos o partido con moita ilusión e sabendo que é un partido difícil aínda que o Obradoiro sexa o último clasificado. Realizan un xogo en ataque con moito ritmo, que se ten acerto é moi difícil de controlar. É un equipo moi alto e rápido. Intentaremos manter un ritmo de xogo que nos favoreza e poder sacar o encontro adiante para conseguir o sétimo posto da competición”.
O partido terá lugar no Milladoiro, o sábado 18, en horario unificado: 19h. Semifinais da liga Coruña-Ferrol-Lugo para La Goleta e ampla axenda de canteira.
Polo demais, a fin de semana do 18-19 abril trae como prato forte o partido de semifinais do grupo Coruña-Ferrol-Lugo da Terceira Autonómica entre La Goleta Santo Domingo Betanzos e Calvo Artai o domingo, que se completa coa cita das sénior do Neón Tasca contra Sarria e a do masculino de Terceira Autonómica contra Naturleite Vila de Meira. Pola que toca á canteira, despide a temporada o J.Caamaño Arquitecto cadete de liga galega, que recibe a visita do Novobasket Vigo o sábado ás 12h, o Grelo cadete xoga contra Basquet Coruña U-10 o domingo ás 19h e as rapazas de Decornaveira viaxan a Maristas á mesma hora. O júnior masculino de Texas Controls recibe a Montrove, mesmo rival ca os infantís de Cyrdega e as rapazas de Warnier (cun dos partidos máis interesantes da xornada), os equipos premini volven xogar no Agra e os mini en Sada.