O Tenente Alcalde do Concello de Lugo, Rubén Arroxo, anunciou un “importante investimento” para a renovación integral das naves das diversas brigadas municipais situadas no Parque da Milagrosa, co obxectivo de mellorar as condicións de traballo do persoal municipal e garantir uns espazos axeitados para o desenvolvemento das súas funcións.
A actuación incluirá a renovación da cuberta de todas as naves, unha das principais deficiencias detectadas, que está a provocar filtracións de auga e un progresivo deterioro das instalacións. Ademais, levaranse a cabo intervencións específicas en cada unha das naves que albergan os distintos servizos municipais.
Os traballos executaranse nas 6 naves, destinadas á brigada de obras, rural, parques e xardíns, augas, servizos electromecánicos e sinalización viaria, e incluirán diversas actuacións tanto no exterior como no interior das instalacións. Entre as actuacións a realizar, incluirase a eliminación de graffittis e suciedade, reparación de fisuras na estrutura e a renovación de portas e fiestras en mal estado. No interior repararanse as deficiencias atopadas, en gran medida provocadas por humidades, como renovación da pintura e eliminación de humidades, e faranse intervencións específicas en cada unha das naves.
No interior do almacén do Servizo de Obras repararase a entreplanta debido ao desgaste polas filtracións de auga, actuación que tamén se realizará na brigada de obras da zona rural, ademáis de instalar novos elementos de seguridade propostos polo servizo de prevención de riscos. Na nave de Parques e Xardíns renovarase integramente a entreplanta xunto coas instalacións da oficina e vestiario. No servizo de augas, ademáis da renovación da entreplanta, procederase á redistribución do espazo facilitando un mellor aproveitamento do mesmo, actuación que se fará tamén na nave dos servizos electromecánicos.
Arroxo destacou a importancia das diversas brigadas municipais «que nos permiten cada ano atender a centos de reclamacións veciñais de xeito rápido e efectivo». O Tenente Alcalde puxo o exemplo da Brigada Municipal de Vías e Obras, dependente da Concellería de Infraestruturas, que cada ano atende preto de 1000 solicitudes veciñais en todas as rúas de Lugo, «reparacións pequenas que melloran o día a día das veciñas e veciños de Lugo», explicou. Entre as principais intervencións desta brigada destacan a sinalización da cidade, reparando ou substituíndo sinais ou marcas viais, as tapas de rexistro que producen molestias á veciñanza por facer ruído ou estar soltas, ou os pequenos arranxos en vías públicas, renovando bolardos deteriorados, tapando fochancas, amañando partes das beirarrúas máis deterioradas ou traballos de renovación e instalación de mobiliario urbano, como bancos ou aparcabicis, e outras reparacións.