O Concello da Rúa e ADEGA impulsan un proxecto de compostaxe caseira e comunitaria pioneiro no municipio

O seu obxectivo é levar a compostaxe coméstica aos fogares e a compostaxe comunitaria ao IES Cosme López Rodríguez, mediante actuacións de sensibilización, concienciación e educación ambiental.

O Concello da Rúa e a organización ecoloxista ADEGA presentarán mañá, martes 21 de abril, o programa “A Rúa Composta”. Trátase dun proxecto de compostaxe impulsado polo Concello co apoio da asociación ambientalista e que se desenvolverá ao longo dos vindeiros meses de 2026. O seu obxectivo é fomentar actitudes responsables no eido dos residuos e a participación activa dirixida á cidadanía e á comunidade educativa no plan de tratamento dos residuos, desde a recollida selectiva e a separación en orixe ata o destino final.

O acto de presentación terá lugar ás 19:30 horas na Casa do Concello (2º andar), onde estarán presentes a alcaldesa da Rúa, María Albert, e o educador ambiental de ADEGA, Ramsés Pérez. Desde o concello aseguran que esta colaboración nace da «aposta pola educación ambiental desde as persoas máis novas ata todos os estratos da poboación». Nesta mesma liña, ADEGA destaca o papel chave da cidadanía e da comunidade educativa no camiño cara a unha xestión sustentable e eficiente dos residuos, así como as múltiples posibilidades da compostaxe como ferramenta educativa e social.

Poñer a compostaxe no centro da solución á problemática dos residuos

A través desta iniciativa, o Concello da Rúa instalará 100 composteiros caseiros. Aqueles fogares que participen na campaña de compostaxe domiciliaria recibirán un Manual de Compostaxe e contrán con duas visitas do persoal técnico de ADEGA para solucionar dúbidas. Ademais, as persoas do concello que xestionen os seus residuos mediante este sistema terán unha redución na taxa de lixo do 30%.

Compostaxe comunitaria no centro de ensino secundaria

Doutra banda,o proxecto “A Rúa Composta” achegará tamén a compostaxe ao centro de ensino de secundaria IES Cosme López RodríguezA través de diferentes actividades de educación e divulgación ambiental dirixidas á comunidade educativa de secundaria, o obxectivo é conseguir que se implementen de forma eficiente boas prácticas na xestión do lixo. As actividades a realizar van dende a instalación dun composteiro comunitario no centro ata a colocación dunha exposición gráfica sobre a compostaxe e visitas de seguimento.

Con esta iniciativa, o Concello da Rúa pretende obter os beneficios económicos directos que implica unha boa separación dos residuos e, así, mellorar a calidade ambiental para toda a veciñanza.

Comparte éste artículo
No hay comentarios