O coordinador de UCIN Boiro, Miguel Piqueras, rexistrou hoxe no Concello unha proposta estratéxica para a creación dunha praia canina no municipio. A iniciativa rompe co modelo de decisións impostas e aposta por un enfoque novidoso: que sexa a propia veciñanza quen decida a ubicación definitiva a través dun proceso de participación cidadá.
Desde UCIN Boiro lembran que a improvisación nesta materia xa custou cara no pasado. No ano 2020, o intento de habilitar a praia de Piñeirón-Gavioteira sen consenso provocou unha forte polémica e o rexeitamento de moitos usuarios. «Aquel antecedente demostrou que sen escoitar á xente, as decisións están condenadas ao conflito», explica Piqueras.
Fronte a isto, a formación propón que o Concello estude varias alternativas técnicas e que, unha vez garantida a súa viabilidade, se abra unha consulta para que os veciños escollan a opción que mellor equilibre o uso turístico, veciñal e animal.
Boiro, á cola en servizos para mascotas
A pesar de ser unha demanda crecente, Boiro segue sen dar pasos firmes mentres os concellos veciños xa ofrecen solucións reais ás familias con cans. Para UCIN, esta situación non é froito da falta de espazos, senón da «ausencia de iniciativa e planificación» do actual goberno local. «Non se trata só de facer unha praia, trátase de ordenar o noso litoral e modernizar os servizos. Boiro non pode seguir mirando para outro lado mentres os demais avanzan», subliña Miquel Piqueras
A proposta rexistrada hoxe busca mellorar a convivencia e situar a Boiro ao nivel doutros municipios punteiros en benestar animal. Miguel Piqueras insta ao Concello a non temer á voz dos veciños: “O goberno ten agora a oportunidade de actuar con transparencia ou seguir gobernando de costas á realidade. En UCIN temos claro que o futuro de Boiro pasa por contar coa xente e ofrecer solucións, non promesas baleiras”.
A formación conclúe que a creación desta área é perfectamente compatible co respecto ao entorno natural, sempre que se faga con criterio, planificación e, sobre todo, co aval da maioría social.