O ulloán Sergio Alba, checa ao Auditorio AFUNDACIÓN ABANCA Lugo, o sábado 16 de maio, co seu espectáculo de humor, no que repasa en tono de humor como era a vida cotiá na época da EXB. Un show “Retro-Activo“ no cal ou pasado, está moi presente.
Xa percorreches con este espectáculo, importantes escenarios de toda Galicia. Como xurdiu a idea de facer este espectáculo?
Pois, a verdade, é que hai tempo que me apetecía contar cousas que sempre se me pasaron pola cabeza, e ninguén quixo escoitar nunca.
Así que pensei facer crer á xente, que pode pagar a pena ver este espectáculo. Unha vez que o público está dentro do auditorio e eu teño o micrófono na man, xa non hai escapatoria posible.
Que nos atopamos enriba do escenario?
Básicamente, unha homenaxe a unha época estrañamente marabillosa, na que cando aparecían dous rombos en pantalla, ías para a cama sen rechistar e sen atreverte a preguntar ao día seguinte, a ver por que tí non podías ver ese programa, película ou serie que emitiran a noite anterior. Había cousas que eran de maiores, e punto. Case tabú.
Neste formato, contas anécdotas da túa infancia e xuventude. Era antes todo mellor?
Diferente. O que ocorre, é que co paso dos anos, tendemos a idealizar tempos pasados que xa vivimos. Sempre lle sucedeu ao ser humano, e ademais, penso que é necesario que así sexa, polo noso propio benestar emocional. Evidentemente, non todo foi da cor de Espinete.
Pero aí están… os amigos, a E.X.B, a moda, a música, a familia. Cada un de nós, ten un “auto-micropasado” que seguramente nos aporta recordos moi especiais.
Moitos feitos que describo, son “realmente irreais”. A miña intención, é facer pasar un bo rato ao público, falando dunha época que, curiosamente malia que é pasado, parece ciencia-ficción.
Os rapaces de agora, alucinan cando lles falas dos Walkman, de que había computadoras de casette, de que o contido da tele era en blanco e negro ou de que unha video-consola era algo ao alcance de moi poucos…
Síntese só no escenario?
Nunca. Sempre temos as complicidade do público o cal, tamén é parte activa do espectáculo.
Descubrimos que temos moitas cousas en común , e facemos risoterapia de grupo. Xente que, coma mín, nunca chegou a ver o corpo sen vida de Chanquete, nin a casa onde durmía Don Pimpón.
O formato, está pensado para todos os públicos?
Iso de que “está pensado”, xa é moito supoñer. O que sí que é certo, é que unha vez rematado e revisado o groso do texto, recomendamos a función para público adulto. Máis ben por temática que por outra cousa.
Como define o espectáculo?
É un texto de humor, no que entrelazamos historias. Ás veces, esaxerando certas situación e outras, suavizándoas con humor. Hai tamén algo de música e incluso algo de danza de estilo… inclasificable.
Emocionado de facer “Dous Rombos” en Lugo?
A verdade, é que sí. Esta función, vai ser moi especial pola ubicación do auditorio e pola cercanía que teremos co público. Por iso, eleximos este espazo do Auditorio da Sede Afundación Abanca de Lugo. Faremos unha dobre función ás 18:30 e 21:00 horas.
Recomendamos sacar as entradas anticipadas a prezo reducido, no portal de Ataquilla.com , porque a capacidade do auditorio, é limitada.