Noia, Outes e Lousame colaboran nun novo obradoiro dual de emprego con máis de 520.000 euros de investimento

Os concellos de Noia, Outes e Lousame impulsarán conxuntamente o obradoiro dual de emprego “NOIA-OUTES-LOUSAME 2026”, tras a concesión dunha subvención da Xunta de Galicia que ascende a 522.052 euros, destinada á formación e contratación de 20 alumnos-traballadores durante un período de 9 meses.

O proxecto, promovido de maneira coordinada entre os tres municipios e canalizado administrativamente a través do Concello de Noia, permitirá desenvolver actuacións vinculadas ao ámbito forestal e á mellora ambiental en distintos espazos municipais dos tres territorios.

O alcalde de Noia, Francisco Pérez, destacou que “este obradoiro supón unha oportunidade clave para mellorar a empregabilidade da veciñanza e avanzar na conservación do noso entorno natural”. Pola súa banda, o tenente de alcalde, Manolo Seijas, subliñou “a importancia da colaboración entre concellos para acadar recursos e poñer en marcha iniciativas que repercuten directamente na cidadanía”.

Desde o Concello de Outes, o alcalde Fran Calo puxo en valor “a cooperación institucional como ferramenta fundamental para atraer investimentos e xerar oportunidades laborais no rural”. No mesmo sentido, o alcalde de Lousame, Esteban Ares, destacou que “este tipo de programas permiten combinar formación e emprego, ao tempo que se realizan melloras necesarias no territorio”.

O obradoiro inclúe especialidades formativas relacionadas coas actividades auxiliares en aproveitamentos forestais e conservación de montes, e desenvolverase en diferentes espazos dos tres concellos, contribuíndo á mellora ambiental e á prevención de riscos naturais.

As persoas interesadas en participar deberán estar empadroadas en Noia, Outes ou Lousame e é requisito imprescindible inscribirse como demandantes de emprego no Servizo Público de Emprego Estatal (SEPE) e incluír interese na formación que se oferta para poder optar a unha das prazas do programa.

Desde os tres concellos anímase á veciñanza a informarse e participar neste obradoiro, que combina formación teórica, práctica profesional e contratación laboral, constituíndo unha oportunidade real de inserción no mercado de traballo.

Comparte éste artículo
No hay comentarios