O PP esixe formalmente ao alcalde de Ribas de Sil a convocatoria ordinaria do Pleno “que non se celebra dende fai 4 meses”

Sandra Macía subliña que “o alcalde está a incumprir o acordo de inicio do mandato e a impedir a nosa participación no Pleno e, polo tanto, limitando o noso dereito a facer oposición ao goberno local: non podemos levar as iniciativas que nos trasladan os veciños e veciñas”.

O PP de Ribas de Sil solicita formalmente a convocatoria inmediata do Pleno ordinario do Concello, que debe celebrarse cada 2 meses -o primeiro luns de cada mes impar ás 12.00 horas- como se acordara ao inicio do mandato; pero que non se celebra dende o pasado 19 de decembro e, polo tanto, “xa pasaron 4 meses”.

A voceira, Sandra Macía, que vén de rexistrar unha solicitude no Concello, advirte que “o alcalde está a incumprir a legalidade vixente” ao non convocar as sesións ordinarias do Pleno que é o órgano onde “participamos todos os concelleiros”. Deste xeito, “impide que dende a oposición fagamos o noso labor de control e fiscalización ao goberno local”. De feito, como advirte a popular, “as nosas iniciativas, as preguntas que queremos trasladar ao goberno local como nos están a pedir os veciños e veciñas, teñen que seguir agardando ata que se convoque o Pleno”.

Os populares inciden en que “o alcalde está a vulnerar o dereito dos cidadáns a participar nos asuntos públicos a través dos seus representantes e reduce o dereito dos concelleiros a exercer as súas funcións” ao non respectar a periodicidade legal das sesións plenarias acordadas polos concelleiros ao inicio de mandato. “Nestes 4 meses xa se tería que ter celebrado en 2 ocasións”, apuntan.

Macía subliña que “non é a primeira que temos que dirixirnos formalmente ao alcalde neste mandato para esixirlle recuperar a normalidade”. Incluso se teñen dirixido á Valedora do Pobo para esixir que o alcalde cumpra a súa obriga despois de que no pasado ano 2025 “tardara máis de medio ano en convocar unha sesión plenaria ordinaria”.

O incumprimento da convocatoria das sesións ordinarias do Pleno por parte do alcalde non só é unha irregularidade formal, senón que baleira de contido a función de control político do Pleno. Polo tanto, dende o PP de Ribas de Sil advirten que “de continuar co incumprimento e non dar resposta á solicitude”, estudará a posibilidade de exercer o seu dereito a recorrer a outras instancias como a formulación dunha nova queixa ante a Valedora do Pobo.

Comparte éste artículo
No hay comentarios