O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, enfrontou hoxe ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, na sesión de control parlamentario cunha intervención que elevou a tensión no hemiciclo desde o primeiro minuto. O líder socialista acusou directamente ao PP de aproveitar o falecemento de tres compañeiros socialistas en Lugo, en menos dun ano, para intentar facerse coa alcaldía da cidade. «Sen a morte dos nosos compañeiros, nunca chegarían a gobernar Lugo», afirmou.
E lanzou a pregunta que marcou o pleno: «Que ética hai nun político que mira a unha familia en loito e pensa ‘esta é a miña oportunidade’? Cree realmente que a quen fai eso se lle pode considerar unha boa persoa?»
Besteiro cualificou a operación do PP en Lugo como o que é: un pacto apoiado nunha tránsfuga. «Con todas as letras: tránsfuga», recalcou. E dirixiuse persoalmente a Rueda para esixirlle unha decisión clara: «Se avala esta moción, a inmoralidade vai manchar para sempre a súa presidencia. E vai manchalo a vostede persoalmente. Non o dubide.»
O secretario xeral do PSdeG recordou que Lugo leva 27 anos confiando en gobernos con alcaldes e alcaldesas socialistas. «Sabe por que a xente os quere? Porque quere boas persoas liderando. E eles sempre gobernaron desde a decencia», subliñou. E advertiu: «Quen non ten límites para acceder ao poder non ten límites para gobernar».
Besteiro pechou esta parte da súa intervención cunha interpelación directa: «Inmoralidade ou decencia. Esa é a decisión que ten que tomar esta mañá. Sen escusas. É vostede o presidente do PP de Galicia. Pode facelo. Debe facelo. Só vostede pode parar esta miseria política». E rematou: «Se cruza esa porta sen condenar esta indignidade, xa non será só responsable. Será cómplice».
Besteiro iniciou a sesión de control con datos económicos que retratan un modelo que non funciona. España crea emprego a un ritmo do 2,46%. Galicia quédase na metade. O paro baixa máis dun 6% no conxunto do Estado, pero aquí non chega ao 4%. E os salarios galegos seguen entre os máis baixos. «Trabállase igual, pero cóbrase menos. Ese é o seu modelo?», preguntou o líder socialista.
O líder do PSdeG sustentou a súa crítica con datos: «Os números do IGE confirman o estrago demográfico: Galicia leva anos estancada nos 2,7 millóns de habitantes mentres o conxunto do Estado medrou un 25%. Hoxe somos menos poboación que cando vostede chegou á Xunta con Feijóo», lembrou, e cifrou en máis de medio millón as persoas que marcharon buscando o que aquí non atoparon.