A plataforma cidadá Transfuguismo NON, Democracia SI, encabezada na mesa por Lois Pérez, Isidoro Rodríguez, Luz Dariba e Bernardino Pardo, trasladou esta tarde o seu agradecemento polo apoio recibido e defendeu que as súas accións se desenvolven dende o «civismo, a pluralidade e a tolerancia», aínda que con firmeza nas súas conviccións democráticas.
Durante a intervención, agradeceron «a presenza de todas e cada unha das que estades aquí, tamén a presenza e o apoio dos que, non podendo estar aquí, nos están apoiando e non puideron vir nesta tarde, xa fose a título individual ou colectivo». Denunciaron que desde o luns están a recibir «insultos continuos e descalificacións por moitas canles». Ademais, subliñaron que actúan como «voceiros dunha maioría social de esquerdas» que cristalizou nun goberno de coalición entre PSOE e BNG no Concello de Lugo tras as últimas eleccións, o que lles dá lexitimidade para manifestar o seu «desacordo e indignación co atropelo antidemocrático».
Antes de dar paso ao manifesto, dirixíronse á concelleira María Reigosa e a persoas do seu entorno, ás que trasladaron que comprenden a preocupación existente nestes días pola súa amiga e compañeira. Advertironlle que «a ansia por medrar na política, a ansia polo poder, son cousas efémeras, transitorias, que aparecen e desaparecen”, mentres que “o que non desaparece e queda para sempre é a indignidade e non poder mirar aos ollos pola rúa desta cidade ás concidadás e aos concidadáns que lle confiaron o seu voto de esquerdas e a súa ilusión” por un concello baseado en servizos públicos de calidade, xustiza social e axuda ás veciñas e veciños que menos teñen.
Finalmente, «convidárona a rectificar, a pensar e a evitar esta vergoña que abochornaría a calquera demócrata», sen entregarse a unha forza política como o PP que está “moi lonxe destas coordenadas”.
MANIFESTO DA PLATAFORMA “TRANSFUGISMO NON, DEMOCRACIA SI”
Lugo está a vivir o capítulo máis escuro do noso período democrático. A recente manobra orientada a promover unha moción de censura apoiándose no transfuguismo non é un episodio máis da vida política: é un feito grave que interpela directamente os valores democráticos que sosteñen a nosa convivencia.
A moción de censura é, en esencia, un instrumento lexítimo dentro dos sistemas democráticos. Está concibida para situacións excepcionais nas que un goberno perdeu a lexitimidade moral para gobernar ou quebrou a confianza da cidadanía de maneira manifesta. Porén, cando este mecanismo se emprega de forma oportunista, desvirtuando o seu sentido orixinal, deixa de ser unha ferramenta democrática para converterse nun atallo cara ao poder. E os atallos en democracia teñen sempre un custo: erosionan a confianza pública, debilitan as institucións e fracturan a sociedade.
O que hoxe se formula en Lugo non responde a unha causa de interese xeral nin a unha urxencia política real. Preténdese alterar a vontade expresada nas urnas mediante unha manobra sustentada no transfuguismo, práctica que a cidadanía rexeitou reiteradamente por considerala contraria aos principios máis básicos da representación democrática. Trátase dun proxecto de cidade diferente: coches que volverían ao centro, plantas de biogás que se instalarian na contorna da cidade, programación cultural, deter o ascenso de población e crecemento dos últimos anos.
Cómpre lembrar o contexto. Este mandato estivo marcado por circunstancias extraordinarias, entre elas a perda de tres edís do goberno municipal, incluída a alcaldesa Paula Alvarellos, cuxo falecemento supuxo un golpe humano e político de enorme magnitude, así como os tamén falecidos Pablo Permuy e Olgo López Racamonde. Pretender aproveitar esa situación para forzar un cambio de goberno non só carece de lexitimidade política, senón que resulta profundamente insensible desde o punto de vista humano.
A cidadanía lucense votou nas últimas eleccións municipais un determinado equilibrio de forzas. Ese equilibrio é o reflexo da pluralidade de Lugo. Alteralo mediante acordos construídos sobre o transfuguismo non é unha reinterpretación da vontade popular: é un golpe a esa vontade. Un golpe silencioso, revestido de legalidade formal, pero carente de lexitimidade ética.
As consecuencias dunha acción así van moito máis alá do ámbito institucional. Xera crispación, divide a sociedade, enfronta a veciños e veciñas e alimenta unha desconfianza que tarda anos en repararse. A política deixa de percibirse como unha ferramenta para resolver problemas comúns e pasa a verse como un terreo de manobras tácticas á marxe da cidadanía. E cando iso ocorre, perde a democracia no seu conxunto.
Lugo non precisa máis confrontación. Non precisa máis ruído. Non precisa estratexias que bloqueen o seu desenvolvemento e desvíen a atención dos verdadeiros retos: o crecemento económico, a mellora dos servizos públicos, a cohesión social e o benestar da súa xente. A crispación política non constrúe: paraliza. Non soluciona: agrava.
Por todo iso, desde a plataforma “Transfugismo non, democracia si” afirmamos con rotundidade:
- Que o transfuguismo non pode ser a chave para acceder ao goberno dunha institución democrática.
- Que esta moción de censura, nas circunstancias actuais, constitúe unha manobra inmoral que non responde ao interese xeral, senón ao afán de acadar o poder.
- Que alterar o rumbo político da cidade debe ser unha decisión da cidadanía, expresada libremente nas urnas, e non o resultado de operacións de despacho.
O lugar lexítimo para decidir o futuro goberno de Lugo é maio de 2027. Ese é o momento no que a veciñanza debe avaliar, decidir e outorgar ou retirar a súa confianza. Adiantar ese veredicto mediante prácticas cuestionables non só é inxusto: é profundamente daniño.
Hoxe máis ca nunca, é necesario defender a dignidade da política, o respecto ás regras do xogo e a vontade da cidadanía. Hoxe máis ca nunca, é necesario dicir alto e claro: Transfugismo non. Democracia si.
Lugo merece respecto. Lugo merece honestidade. Lugo merece decidir.o para a saúde democrática da nosa cidade.

