A veciñanza de Cervantes mobilízase en Doiras contra as “mentiras do PP” sobre a reapertura do consultorio

O BNG denuncia o incumprimento dos anuncios e a falta de cobertura sanitaria estable no concello.

 A veciñanza de Cervantes participou hoxe nunha concentración diante do consultorio de Doiras para denunciar o incumprimento da súa reapertura e a situación da atención sanitaria no municipio. O Bloque Nacionalista Galego acompañou a mobilización e acusou ao Partido Popular de “enganar á veciñanza con anuncios que nunca se materializan”.


A responsábel local do BNG en Cervantes, Maruxa Bardasco, asegurou que “o PP leva tempo xogando coa sanidade da veciñanza da montaña, facendo promesas que non cumpre e mantendo servizos básicos en situación de precariedade”.


Denunciou asi mesmo que “o que estamos vendo en Cervantes é un exemplo claro do abandono da atención primaria no rural”. Bardasco lembrou que “o consultorio de Doiras segue pechado malia os anuncios do PP e tampouco existe unha cobertura sanitaria estábel en San Román”.


“Esiximos á Xunta que reabra de inmediato o consultorio de Doiras e que garanta persoal sanitario suficiente e fixo no concello. A sanidade non pode depender de parches nin de anuncios propagandísticos”, concluíu.


Desde o BNG subliñan que continuarán apoiando as mobilizacións veciñais para “defender un dereito básico como é o acceso á sanidade pública”.

Comparte éste artículo
No hay comentarios