A Real Academia Galega réndelle o luns homenaxe a Begoña Caamaño en Santiago cunha presentación pública do documental das Letras Galegas 2026

Tras o pase haberá un tempo de coloquio cos directores do filme, Damián Varela Pastrana e Alba López Álvarez; e o académico Víctor F. Freixanes, editor das súas novelas.

A Real Academia Galega presentará o luns que vén, 27 de abril, en Santiago de Compostela o documental Begoña Caamaño Caamaño: navegar no pracer do azulO filme que produce co gallo das Letras Galegas 2026, realizado por Miramemira con Damián Varela Pastrana e Alba López Álvarez na dirección e no guión, proxectarase no Salón Teatro (rúa Nova, 34) nun acto de entrada libre ata completar a capacidade da sala que dará comezo ás 19:00 horas. Tras o pase da película, abrirase un tempo de coloquio cos directores e o académico Víctor F. Freixanes, compañeiro da autora nos seus comezos como xornalista en Radio Popular e editor das súas dúas novelas, Circe ou o pracer do azul (2009) e Morgana en Esmelle (2014).

Santiago de Compostela ten unha importante presenza na fita sobre Begoña Caamaño (Vigo, 1964 – Santiago de Compostela, 2004), que se trasladou dende a súa cidade natal á capital galega en 1992 cando pasou a traballar na redacción central da Radio Galega. Neste lugar de acollida foi onde debutou serodiamente, cos 45 anos xa feitos, cunha obra madura e ambiciosa no literario e amena a un tempo que reescribiu os mitos da Odisea e do ciclo artúrico dende a perspectiva de personaxes femininas silenciadas. En Compostela emprendeu tamén os seus proxectos xornalísticos máis persoais, que constitúen outra parte importante do documental que arrinca cunha emotiva homenaxe radiofónica protagonizada por alumnado do CEIP Monte dos Postes. A experiencia lúdica e educativa foi impartida por Amelia García Hervella, Concha de la Fuente e X. L. Freire Rodríguez, compañeiras e compañeiro da homenaxeada na Radio Galega en San Marcos.

A literatura e o xornalismo de Begoña Caamaño dialogan coa memoria íntima e colectiva no retrato coral que van ganduxando, entre outras voces, a súa irmá Beatriz Caamaño, as súas amigas Maika Aguado, Amanda Álvarez, a académica de número Ana Romaní e a académica correspondente Goretti Sanmartín, actual alcaldesa de Santiago; o académico Víctor F. Freixanes; a crítica literaria María Xesús Nogueira, unha das primeiras estudosas da súa obra; e a especialista en historia antiga Susana Reboreda, quen constatou antes da publicación da súa ópera prima o gran dominio que tiña Begoña Caamaño dos mitos gregos. O filme conta así mesmo con Suso do Dezaseis, Faia Díaz, Andrea Nunes Brións e Uxía Senlle, que interveñen nunha conversa rodada na casa de xantar O Dezaseis, lugar de encontro habitual do círculo máis estreito da autora.

A película documental dálle asemade voz á mocidade en relación cos grandes temas da obra literaria de Caamaño, o seu exercicio como xornalista comprometida coa honestidade, a súa defensa da lingua galega e mais o seu activismo. A Facultade de Ciencias da Comunicación da USC participa así como un dos escenarios de reflexión con intervencións do seu alumnado.

Destaca ademais como elemento da narración audiovisual a interpretación artística da obra literaria de Caamaño, a que deixou escrita e a que tiña previsto crear. As personaxes da protagonista do vindeiro 17 de maio toman corpo e presenza na pantalla en cápsulas dramatizadas rodadas na praia de Barra (Cangas de Morrazo), a fraga de Catasós e a serra do Candán (Lalín). Lucía Costas Pérez, Sabela Pereira Rodríguez, Alba Rocha, Daniel Vicente Ferreira e Julio Alonso Rodríguez, da ESAD de Galicia, interpretan fragmentos de Circe ou o pracer do azul e levan á escena a Sherezade, a narradora das Mil e unha noites, arredor da cal a escritora pretendía pechar a súa triloxía sobre os mitos. E a bailarina Elsa Pereira é quen se converte en Morgana, acompañada pola voz da propia Begoña Caamaño nun dos documentos sonoros do arquivo da CSAG cos que se enriquecen o filme. Cóntase así mesmo coas nenas Helena Rodríguez Otero e Laura Diniz Fontán, da escola de teatro Imaxinatea Labcreativo, nos papeis de Begoña Caamaño e a súa amiga Maika Aguado na infancia.

“Todos estes elementos conflúen nunha obra que reafirma o noso compromiso cunha forma de crear e comunicar honesta, crítica e conectada co presente”, explican Damián Varela Pastrana e Alba López Álvarez. “Partindo destas premisas, combinamos o labor xornalístico das entrevistas e a documentación coa práctica artística da ficción audiovisual e da súa beleza. O noso propósito foi activar unha reflexión sobre os modos de narrármonos como sociedade, contribuíndo a través da creación audiovisual a xerar pensamento, memoria e futuro. Como Begoña Caamaño, nós tamén apostamos en Navegar no pracer do azul polo activismo, pola defensa dos medios públicos e por unha literatura universal feita en galego”, conclúen os directores.

Begoña Caamaño: navegar no pracer do azul contou con múltiples colaboracións. No apartado de material de documentación, alén de imaxes e audios da CSAG, a narración apóiase en fotografías de Mulheres Transgredindo, Mulheres Nacionalistas Galegas, Sonia Díaz, Ra&Ka e os arquivos persoais de Ana Romaní, Maika Aguado e a propia Begoña Caamaño.

Aposta da RAG polas novas linguaxes

O documental das Letras Galegas 2026 realizouse co apoio económico da Deputación da Coruña, a Xunta de Galicia e o Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades. O filme pode verse na páxina web da RAG e en Youtube, pero a presentación pública no Salón Teatro será unha ocasión especial para reunir as persoas que participan nela e a veciñanza compostelá nunha primeira homenaxe a Begoña Caamaño en Santiago de Compostela, que acollerá o pleno extraordinario da Real Academia Galega do vindeiro 17 de maio.

Con este novo documental a RAG continúa a aposta polo audiovisual de calidade que iniciou en 2021, nas Letras Galegas de Xela Arias, como forma de achegar as figuras ás que lles dedica o Día das Letras Galegas a públicos amplos de distintas idades, e de maneira especial ao máis novo. Nesta liña, en breve estreará o seu primeiro videopódcast, Colchas de voces, con Fillas de Cassandra e Antía Yáñez nos episodios 1 e 2; e ten xa en marcha a serie de reels É o tempo de Begoña Caamaño.

Para o público máis miúdo, a Academia ofrece o proxecto Primavera das Letras. Na súa web, primaveradasletras.gal, pode descargarse o texto teatral Uuu-uuu, BEGOÑA! escrito por An Alfaya e ilustrado por Laura Romero. O espazo ofrece tamén fichas para colorear e actividades interactivas sobre a vida e a obra de Begoña Caamaño.

Comparte éste artículo
No hay comentarios