Os colectivos que promoven a campaña #AlertaSalmónGalego solicitan formalmente a suspensión do campionato de pesca de salmón no Ulla previsto para o vindeiro 10 de maio.
Recentemente, ADEGA, AEMS, FEG, SGHN e Asociación Lobo propuxeron a inclusión das poboacións galegas de salmón atlántico (Salmo salar) no Catálogo galego de especies ameazadas (CGEA), coa categoría “En perigo de extinción”.
A Xunta, através da Orde de 11 de decembro de 2025 que establece as normas para a pesca continental na actual tempada, vedou o salmón en todos os ríos galegos dado o catastrófico estado das súas poboacións, mais mantivo como única excepción á súa captura un «campionato» de pesca en catro coutos do río Ulla. A celebración deste «evento», prevista para o vindeiro 10 de maio, é manifestamente incompatíbel co obxectivo de recuperar unha especie no limiar da extinción e resulta incoherente e acientífico permitir esta excepción.
A este respecto, o Decreto 88/2007 do 19 de abril, polo que se regula o Catálogo Galego de Especies Ameazadas, establece no seu art. 7, liña 6, a posibilidade de adoptar medidas cautelares para o caso dun procedemento aberto de catalogación dun taxón, como ten acontecido salmón atlántico. Xa que logo, e en aplicación desta norma, as entidades promotoras da catalogación do salmón veñen de solicitar a suspensión cautelar para o salmón do campionato de pesca previsto para o mes de maio no Ulla, así como de calquera outro evento deportivo no que se capture esta especie, mentres non conclúa o procedemento de inclusión no CGEA.
O Observatorio Galego da Biodiversidade debería pronunciarse
Os representantes ecoloxistas no Observatorio Galego da Biodiversidade solicitan tamén unha convocatoria extraordinaria deste organismo para informar sobre as propostas de catalogación das poboacións galegas de salmón atlántico recentemente presentadas. Sería desexábel tamén que a Xunta agardara ao pronunciamento deste organismo consultivo, que ten a función de informar sobre a catalogación, descatalogación e cambio de categoría das especies de fauna e flora galegas, antes de permitir calquera aproveitamento discreto.
Ademais, o pasado ano, a Xunta incumpriu o deber legal de reunir este organismo consultivo, cuxa periodicidade mínima é anual, para dar conta do estado da biodiversidade galega, o que dá a medida do interese da administración por promover a participación pública na xestión do patrimonio natural.