Este venres ten lugar o acto de despedida das Residencias Artísticas Mariñán 2026, a edición con maior número de participantes e proxectos seleccionados

A partir das 11 horas, as persoas comisarias e participantes compartirán no Pazo de Mariñán a súa experiencia e darán detalles sobre o desenvolvemento creativo das súas iniciativas.

O Pazo de Mariñán, en Bergondo, despide mañá, venres, día 24, unha nova edición das Residencias Artísticas Mariñán, convocadas pola Deputación da Coruña. Será nun acto, ás 11 horas, con participación da deputada de Cultura, Natividade González, e as persoas comisarias e participantes das diferentes residencias.

Cómpre lembrar que a edición das residencias que agora remata e comezou o pasado 11 de abril, é na que que maior número de proxectos se seleccionaron, pasando dos oito en 2025 aos quince este ano.

Na modalidade de música participan O Xoán Faiado (Xoán Fórneas), Gallaecia Ensemble Barroco (María José Pámpano López, Mario Braña Gómez, Elena Vázquez Ledo, Saúl Puga Amoedo, Roberto Alonso Álvarez e Marta López Fernández), Tránsito (Daniel Pardo Maroño e Carlos Guerrero Bullejos) e PAVA (Lucía Aldao, Diego Delgado, Pablo Silva e David Santos).

Na de literatura, Javier Humberto Rodríguez Alonso, co proxecto ‘Nunca morreramos tan xuntos’, e Petra Iglesias Gallego, con ‘Disforia: unha mancha de pel allea’; e na de pensamento Cristina Rodríguez Barrado, con ‘PIM PAM PUM: un entroido!’, e Carlos Fernández López, con ‘Curvas e pregos. Escuma ou Crinas’.

Pola súa banda, na área de creación de contidos socioculturais en redes sociais, os proxectos ‘CienciA: catro pioneiras galegas’, de Yeray Folgar Cameán; ‘Cultura ao descuberto’, de Candela Lola Battiato Miñones; ‘carlotaghatos’, de Carlota Casal Ramos; ‘Séculos Escuros’, de Laura Villar Loureiro; e ‘Adochinto’, de Leticia Mayán Rodríguez.

Apoio aos procesos de creación

A deputada de Cultura, Natividade González, destaca «a calidade das propostas seleccionadas e a diversidade de formatos e disciplinas que conflúen» nestas residencias. Asemade, subliña que para a Deputación «é fundamental apoiar procesos de creación que precisan tempo, espazo e acompañamento, ofrecendo ás creadoras e creadores as condicións axeitadas para desenvolver os seus proxectos con garantías», sinala.

Comparte éste artículo
No hay comentarios