O movemento memorialístico galego condena as declaracións de Paula Prado contra Ramón Reboiras

A Iniciativa Galega pola Memoria, como lugar de encontro do movemento memorialístico galego, quere manifestar a súa condena as aldraxes contra unha vítima do franquismo pronunciadas en sede parlamentar pola portavoz do PP Paula Prado.
A reparación é un recoñecemento de responsabilidade por parte do Estado por fallar na súa obriga e deber de protexer os dereitos humanos, admitindo o acontecido tralo Golpe de Estado e a Ditadura, e restaurando ás vítimas. Nun acto celebrado na Delegación do Goberno en Galiza en 2009 así se fixo no caso de Ramón Reboiras Noia. Neste acto efectivamente se recoñece a dor e devolve á vítima a súa condición de cidadán con dereitos.
Mais a reparación, tal como esixe os estándares internacionais (ONU) como recurso efectivo esixe máis. É dicir, compre a restitución da súa honra fronte as calumnias coas que os responsables do seu asasinato quixeron xustificalo, para o cal son precisas as homenaxes públicas que sirvan para socialmente facer valer que foi vítima dunha inxustiza e non a culpable do que lle pasou.
Por iso, parécenos especialmente graves estas declaracións contrarias á mínima sensibilidade humanitaria e democrática, e esiximos a desculpa por parte da persoa que as pronunciou e da organización á que pertence.

Comparte éste artículo
No hay comentarios