O deputado do BNG reclama investimentos reais para o ferrocarril na Galiza e cuestiona o suposto reforzo do material rodante anunciado polo Goberno.
O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, vén de reclamar ao Goberno do Estado explicacións claras e actuacións inmediatas após o incendio rexistrado na mañá da pasada terza feira, 21 de abril, nun tren da liña de ancho métrico que cubría o traxecto Ferrol-Ortigueira, á altura da parroquia de Labacengos, no termo municipal de Moeche.
O incidente, que obrigou a evacuar as persoas viaxeiras nunha zona de difícil acceso, puxo de manifesto, máis unha vez, as deficiencias do servizo ferroviario na Galiza. Após seren desaloxadas, as persoas afectadas tiveron que ser trasladadas até o apeadeiro de Entrambasrías. O lume iniciouse na cabina do tren e, malia os intentos do maquinista por extinguilo cun extintor, foi necesaria a intervención dos bombeiros do Eume e efectivos de seguranza para controlar a situación. Como consecuencia, a circulación ferroviaria entre Moeche e Cerdido permaneceu suspendida durante varias horas.
O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, denuncia a “gravidade dun suceso que podería ter consecuencias moito máis serias” e critica a “falta de garantías e seguranzanun servizo esencial que leva anos sufrindo abandono e o non investimento por parte do Estado”.
Ante esta situación, Rego demanda ao Ministerio de Transportes aclarar de inmediato cales foron as causas concretas do incendio rexistrado na cabina do tren e depurar responsabilidades se as houber. “Débese informar se o convoi fora sometido ás revisións e mantementos preceptivos, así como detallar as características técnicas da unidade afectada” require o deputado nacionalista.
Paralelamente, incide, debe levarse a cabo unha inspección exhaustiva de todos os trens de características semellantes que operan na rede de ancho métrico na Galiza, co obxectivo de previr novos incidentes e garantir a seguranza das persoas usuarias.
“Urxe especificar con total transparencia en que consistiu o suposto reforzo do material rodante anunciado polo Ministerio de Transportes, detallando modelos, liñas e servizos nos que se incorporaron, e aclarar se o tren sinistrado formaba parte dese material supostamente renovado” engade Rego.
O BNG lembra que o Ministerio asegurou recentemente, no marco do denominado Plan A Punto, que a flota ferroviaria galega fora reforzada para reducir incidencias e atrasos. Porén, para a formación nacionalista, “este novo incidente cuestiona seriamente a veracidade desas afirmacións e evidencia que a situación do servizo ferroviario continúa a ser preocupante”.
Néstor Rego reclama “investimentos reais, planificación rigorosa e compromiso político para garantir un transporte ferroviario seguro, moderno e digno para a Galiza”.