A Deputación reuniu na Coruña persoas expertas en xénero, comunicación e tecnoloxía nunha xornada sobre as novas violencias machistas dixitais

O encontro abordou fenómenos como a manosfera, os discursos de odio contra as mulleres, a idealización da submisión feminina ou a violencia de xénero con intelixencia artifical.

A Deputación da Coruña celebrou o xoves, 23 de abril, unha xornada centrada nas novas violencias machistas dixitais, no marco da súa campaña ‘De Fronte’, unha iniciativa orientada á prevención e á loita contra a violencia machista. A actividade tivo lugar no Museo de Ciencia e Tecnoloxía (MUNCYT) ao longo de toda a xornada e reuniu persoas expertas de diferentes ámbitos.

A deputada de Igualdade, Sol Agra, subliñou que esta xornada forma parte dun proxecto que naceu ao redor da conmemoración do 25N, Día da Eliminación da Violencia contra as Mulleres, mais que hoxe é unha «estratexia comunitaria consolidada que se desenvolve ao longo de todo o ano» ao longo da provincia, tanto en concellos como en centros de ensino e outras entidades.

Segundo a deputada, este encontro responde á «preocupación» da Área de Igualdade «ante o avance dos discursos negacionistas e das correntes reaccionarias, fascistas, que pretenden disfrazar o machismo como elección ou estilo de vida».

Baixo o título ‘Non deixemos que o futuro nos leve ao pasado’, o programa desenvolveuse en xornada de mañá e tarde en formato de conferencias e conversatorios, combinando análise experta e diálogo aberto, co obxectivo de compartir coñecemento, experiencias e propostas de acción.

Entre as persoas relatoras participantes atopábanse especialistas de referencia nos ámbitos da comunicación, a socioloxía, a enxeñaría e os estudos de xénero, chegadas de diferentes puntos do Estado. A xornada estruturouse en tres bloques temáticos centrados na análise da manosfera e das plataformas dixitais, os retos da intelixencia artificial en relación cos dereitos fundamentais e as novas estéticas de submisión e procesos de radicalización.

Ao longo da xornada tamén se desenvolveron espazos de conversa con creadoras e creadores de contido dixital, así como coa participación do colectivo Aventeira, incorporando distintas voces e perspectivas arredor do impacto das violencias dixitais na sociedade actual.

Comparte éste artículo
No hay comentarios