O Consello Galego de Relacións Laborais (CGRL) e a Universidade da Coruña (UDC) organizan un evento no que se afondará na Lei 2/2025, do 29 de abril, que puxo fin á extinción automática dos contratos de traballo nas situacións de Incapacidade Permanente Total, Absoluta e Grande Invalidez.
O Salón de Actos Concepción Arenal do Campus Industrial de Ferrol acolle, o próximo mércores 29 de abril, de 09:30 a 13:30 horas, as xornadas “Xestión da Suspensión e Incapacidade Permanente: Un Enfoque Integral para Empresas e Traballadores trala Reforma pola Lei 2/2025” que organiza o Consello Galego de Relacións Laborais (CGRL) xunto coa Universidade da Coruña (UDC), baixo a dirección da secretaria deste órgano de diálogo institucional entre os distintos axentes sociais galegos, Cristina Fabeiro Varela, e a profesora da Facultade de Ciencias do Traballo, Asunción López Arranz.
Entre as persoas convidadas a participar nestas xornadas está a catedrática de Dereito do Traballo e da Seguridade Social da Euskal Herriko Unibertsitatea(EHU), Olga Fotinopoulou Barsuko, quen falará sobre a extinción do contrato de traballo e a discapacidade, así como a maxistrada da Sección Primeira do Social do Tribunal de Instancia de Ferrol, Iria López Carregal, e a inspectora de Traballo e Seguridade Social, Eva Fernández Pardo, que centrarán as súas intervencións na adaptación do posto de traballo logo da declaración de Incapacidade Permanente.
O programa do evento inclúe unha mesa de debate na que intervirán o representante da CIG, Xoán Galdo, a de UGT-Galicia, Trinidad Campos, o do Sindicato Nacional de CCOO de Galicia, Armando Iglesias, e o da Confederación de Empresarios de Galicia (CEG), José Antonio Neira.
A Lei 2/2025, do 29 de abril, puxo fin á extinción automática dos contratos de traballo nas situacións de Incapacidade Permanente Total, Absoluta e GrandeInvalidez. A reforma proporcionou un marco claro para a xestión da incapacidade permanente definitiva, enfocándose en protexer os dereitos das persoas traballadoras, mentres se establece un procedemento ordenado para a suspensión e a posterior extinción do contrato de traballo.
As persoas interesadas en participar nestas xornadas terán que inscribirse enviando un correo electrónico cos seus datos persoais a formacion.cgrl@xunta.gal antes das 14:00 horas do martes 28 de abril. As prazas son limitadas e cubriranse por rigorosa orde de inscrición.