O PP denuncia que o “ocultismo” de Lino Rodríguez con algúns expedientes da xestión diaria municipal tamén afecta á Valedora do Pobo, á que non remitiu á documentación solicitada

Nicole Grueira pregunta ao alcalde “que ten que agochar” para negar o acceso a algúns expedientes como os relacionados co autobús municipal: “Vemos como as malas praxes do rexedor afectan tamén á Valedora”.

Os concelleiros do Grupo Municipal Popular de Pol desvelan que o alcalde, Lino Rodríguez, negouse a colaborar coa Valedora do Pobo que lle requiriu documentación relativa á reclamación presentada en outubro de 2025 ante as reiteradas trabas do rexedor para acceder a expedientes concretos da xestión diaria municipal.

A voceira popular, Nicole Grueira, sinala que “non nos quedou máis remedio” que pedir o amparo da Valedora do Pobo para poder exercer “a nosa labor de fiscalización e control ao goberno local” porque “a realidade é que Lino Rodríguez está a dificultar e incluso negar o acceso á documentación do Concello”.

Na comunicación realizada pola Valedora do Pobo a Nicole Gueira dise textualmente que “o Concello de Pol persiste na súa actitude de non responder á recomendación formulada”, así como que “vímonos obrigados a recordar ao citado Concello o seu deber de responder”.

Para Nicole Grueira estamos “ante un novo exemplo da mala praxe que realiza Lino Rodríguez á fronte do Concello de Pol”, administración que “emprega ao seu antollo e unicamente para satisfacer os seus caprichos, nunca para dar solución aos problemas dos veciños”.

A voceira popular insiste na súa pregunta ao alcalde: “que agocha Lino Rodríguez?”. 

Nicole Grueira sinala que algúns dos expedientes solicitados e polos que se acudiu á Valedora do Pobo están relacionados co autobús municipal, chegando a ter que pedir acceso ata en tres ocasións “sen que nunca se dera resposta”.

Comparte éste artículo
No hay comentarios