Un penalti achega ao Arteixo á fase de ascenso e ao Cambados á Preferente

A sorte volveuse contra o Cambados no momento decisivo da temporada. O conxunto de Pénjamo caeu cun penalti perfectamente transformado por Agulló na segunda parte e rozou o empate cun disparo ao pau do estreante Edi na derradeira xogada do partido. O 1-0 coloca ao cadro arteixán na beira da fase de ascenso e ao Cambados, logo do seu regreso ao fútbol estatal hai un ano, na beira contraria, a do retorno inmediato a Preferente.

Os postes impiden os goles

O partido puido desequilibrarse axiña. Unha carreira de Rubén Martínez até o lateral da área foi seguida do centro ao punto de penalti para Otero, O punta desviou co calcañar abrindo demasiado o ángulo.
O Cambados mostrou que non quería achegarse máis ao descenso nesta xornada e buscou a porta de Carlos. Antes do cuarto de hora disparou dúas veces desde a frontal. O segundo, con máis tino, de Alberto, foi detido polo meta local.
O partido resultaba atractivo polo seu dinamismo. Nel, os atléticos atopaban vía de chegada pola dereita, pero alén de saques de esquina, a conexión do segundo minuto entre Rubén Martínez e Otero demorou en aparecer de novo.
Volveron a achegarse con opcións á área cambadesa a partir do segundo cuarto do xogo. Esa fase comezou con polémica por unha presunta agarrada de Zalo a Rubén Martínez cando o atacante entraba na área.
Na seguinte acción, Otero estivo a piques de quitar proveito a unha presión que puido interceptar, pero o seu disparo lambeu o pau.
O At. Arteixo gozou dunha tripla ocasión no minuto 27. Otero chegou con mínima vantaxe á área, pero o seu disparo foi trabado por un defensa, Moreta repetiu disparo coa mesma sorte antes que a pelota chegara ao último beneficiado, José Ramón, pero o exterior non mediu o golpeo co interior e mandou a pelota moi alta.
O Cambados tivo a súa mellor ocasión da primeira metade nunha galopada de Gregorio até a liña de fondo, Alberto deixou pasar o coiro para que Rodri, chegando polo centro da área, xutara a gol con máis vantaxe, pero a pelota rebotou no traveseiro.
O son dos ferros soou a continuación no outro lado, cando corría o minuto 37. Otero que pugnou na área con Rodri e Álex Fernández, beneficiouse do desprazamento corto da pelota á súa dereita. Xutou con facilidade, pero mandou a pelota ao poste, perto da escuadra.
O partido perdía control e gañaba ritmo. Rubén Martínez tivo a ocasión cun xute en condución desde a dereita. Nesta ocasión, David Conde puxo as luvas por diante e rexeitou a pelota, na derradeira ocasión do primeiro acto.

Un penalti e outro poste que marcan destinos

O segundo período comezou con imprecisións e chegadas tardías a balóns divididos, o que deixou xogadores de ambos bandos magoados momentaneamente. Un saque de esquina cabeceado fóra por Otero, un libre directo que Tavares axustou perto do pau e un golpeo raso de Dieguito, rozado por Moreta para que o coiro non acabara dentro da portería, foron as accións máis significativas do primeiro cuarto de hora.
Unha dobre substitución de Posi volveu aos locais máis ofensivos. Os atléticos non demoraron en trasladalo ao marcador. No minuto 67, un balón recollido na área por José Ramón permitiulle encarar a Tavares, que o derrubou. Agulló, cun potente disparo, buscando o imaxinario traveseiro de atrás, abriu o marcador desde os once metros. Noveno penalti a prol dos arteixans no torneo, o equipo máis beneficiado con esta sorte.
Pénjamo tamén gastou a primeira xanela para refrescar o ataque. No minuto 72, desde fóra da área, Gregorio buscou un gol que impediu a estirada de Carlos.
Un golpe de fortuna local puido deixar sentenciado o partido no minuto 80, pero o centro desde a dereita, bombeado coa cabeza por Deco para afastar o perigo, superou a David Conde a caeu sobre o traveseiro. Rodri completou o despexe mentres era empurrado polas costas.
O remate do encontro tivo unha mestura de infortunio e boa sorte para os locais. Tomé, que reaparecía como titular logo dunha lesión, marchou con problemas nunha perna no 88. A continuación, o Cambados puido empatar cun xute desde o bico da área de Noel, pero aí estaba outra vez o pé de Moreta para desviar a pelota perto da escuadra.
Edi, que tiña os seus primeiros minutos da temporada, tivo a penúltima dos visitantes noutro disparo desde a frontal que mandou por riba da portería cando o xogo estaba no prolongamento.
A derradeira que puxo ao Cambados un pouco máis próximo da Preferente foi un disparo en condución do propio Edi que bateu na cepa do poste.

Ficha

SÁBADO 25/04/2026 (18,00) Campo: PONTE DOS BROZOS (300)
AT. C. ARTEIXO : 1 – C.J. CAMBADOS : 0 (0‑0)

ART : .Carlos; Moreta, Agulló, Tomé (Hugo García 88’), Marcos; Rubén Martínez, Naya (Queijeiro 63’), Fabio, Pablo Martínez (Rojo 63’), José Ramón (Lamas 84’); Otero. Tre. Posi. (Banco: Hevia (g); Iván; Iker).
CAM : David Conde; Álex Fernández, Rodri, Deco, Tavares; Zalo (Noel 71’), André (Seydou 78’), Gregorio, Anxo (Edi 78’), Dieguito (Diego Hernández 71’); Alberto (Nico 86’). Tre. Pénjamo. (Banco: Roberto Pazos (g); Brais Parada; Alberto Lago; Matos).
Goles: 1-0 Agulló 68’(p).
Árbitro: Martínez Santos (Galiza-Santiago). Auxiliares: Elespe Tireux e Vilas Lorenzo.
Disciplina: CA: Anxo 38’; Fabio 76’; Edi 89’’ / Iván (sup. ART) 80’ // VD: Jose Vázquez (prep. fís.) 89’.

Foto: Pase co exterior de José Ramón por diante da marcaxe de Zalo. © 21noticias.com

Comparte éste artículo
No hay comentarios