Adxudicada a renovación da rampa de acceso á Praza de Abastos de Lugo



O Tenente Alcalde do Concello de Lugo, Rubén Arroxo, anunciou a adxudicación da obra de renovación da rampa de acceso á Praza de Abastos pola rúa Tuñas Bouzón, unha actuación que permitirá mellorar a accesibilidade e a comodidade das persoas usuarias destas instalacións.

Arroxo explicou que esta actuación permitirá mellorar a comodidade das persoas que acceden por esta rampa ás instalacións «ao crear un novo acceso con menor pendente”. Esta intervención enmárcase na liña de actuación municipal para seguir reforzando a Praza de Abastos e o Mercado Municipal como “dúas instalacións referenciais para o comercio de proximidade”.

A obra conta cun investimento de 115.120,61 euros e un prazo de execución de tres meses. A intervención permitirá alongar a rampa actual, reducindo a súa pendente e mellorando as condicións de accesibilidade ao aproveitar o espazo dispoñible ata a liña de fachada da Praza de Abastos.

A actuación responde á detección dun problema estrutural na infraestrutura existente, polo que se procederá á súa renovación completa. A nova rampa manterá a estética e os acabados actuais, mais actualizará a súa estrutura conforme ás normativas vixentes, empregando materiais axeitados para exteriores como aceiro galvanizado e formigón.

Comparte éste artículo
No hay comentarios