Arranca Merca no teu comercio para estimular as vendas nos municipios rurais galegos

O presidente da Federación Galega de Comercio e da Federación de Comercio de Lugo, José María Seijas; e o director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén; presentaron esta mañá en Lugo a campaña “Merca no teu comercio”. Estiveron acompañados polo delegado territorial da Xunta de Galicia en Lugo, Javier Arias; e José Manuel Rigueiro, director de zona Lugo centro de ABANCA; entre outros.

Arranca así a edición 2026 desta ambiciosa iniciativa de dinamización comercial que se desenvolverá en toda Galicia co obxectivo de estimular as vendas nos municipios rurais galegos, sensibilizar e achegar os clientes aos establecementos. Así, terán lugar un total de 40 campañas (10 por provincia) poñendo en valor as grandes vantaxes de mercar no comercio de proximidade.

Con esta finalidade, “Merca no teu comercio” desenrolarase entre maio e outubro en 114 localidades galegas, sorteando 40.000 euros en premios (1.000 por campaña) entre aqueles clientes que aposten polo comercio local nas datas das correspondentes campañas.

Cada unha destas campañas, que se irán desenvolvendo paralelamente en distintas localidades de cada provincia, terá unha duración de 15 días, durante os que as compras realizadas poderán rexistrarse na web www.mercanoteucomercio.com da correspondente iniciativa. Con este rexistro, o consumidor entrará no sorteo de 1.000 euros en premios, repartidos en 20 tarxetas prepago de 50 euros, que deberá empregar para volver a mercar nos establecementos locais. Os comerciantes recibirán en cada caso material para promocionar a campaña e tamén contémplase publicidade en redes sociais e medios de comunicación para dinamizar e dar a coñecer a iniciativa.

“Merca no teu comercio” está organizada pola Federación Galega de Comercio e a Consellería de Emprego, Comercio e Inmigración – Dirección Xeral de Comercio; coa colaboración das Federacións Provinciais de Comercio, e de asociacións de comerciantes de toda Galicia, representadas na presentación que tivo lugar esta mañá.

Taboada, Palas de Rei, Monterroso e Antas de Ulla, primeira campaña na provincia de Lugo

As localidades de Taboada, Palas de Rei, Monterroso e Antas de Ulla serán o ámbito da primeira campaña a desenrolar na provincia de Lugo, entre o 1 e o 15 de maio. Posteriormente, celebraranse outras 9 campañas na provincia ata o mes de outubro, abarcando 31 localidades lucenses e repartindo en total 10.000 euros en premios entre os consumidores dos establecementos de proximidade.

No resto de Galicia esta primeira campaña terá lugar en A Pobra de Caramiñal, Porto do Son e Portosin, de A Coruña; O Couto, de Ourense; e Mos, Gondomar e Nigrán, de Pontevedra.

Comparte éste artículo
No hay comentarios