O pasado domingo, o pavillón de Narón foi a testemuña do gran momento que atravesa o Club Arte e Movemento Trala celebración do Campionato Galego de Bailes Latinos 2026, a expedición regresou cunha colleita de medallas que reafirma o talento e o esforzo dos nosos deportistas: dous ouros, unha prata e un bronce que saben a gloria.
Cadro de Honra do Campionato Galego
O club logrou posicionar aos seus bailadores no máis alto do podio autonómico:
- Raul e Serena: Proclamáronse Campións Galegos na categoría de Parella Latinos Junior 2.
- Alba Mourelle (Zas, 18 anos): Alzouse co título de Campioa Galega en Solo Latinos Adulto.
- Naiara Carreira (Cee, 18 anos): Logrou o subcampionato coa medalla de Prata en Solo Latinos Adulto.
- Paula García (Cee, 13 anos): Conseguiu o Bronce no Campionato Galego de Solo Standard Junior 1.
A excelencia do equipo completouse coas magníficas actuacións de Andrés e Laura (finalistas en Parella Adulto), Emma González (finalista en Junior 1 Solo) e Ashley Sánchez (finalista en Youth Solo).
Un dominio que traspasa fronteiras: 37 medallas no Ranking Nacional
De xeito paralelo ao campionato autonómico, celebrouse unha proba de Ranking Nacional onde o club pulverizou todas as expectativas. O balance final foi demoledor: 20 medallas de ouro, 10 de prata e 7 de bronce.
Estes resultados non son froito da casualidade. «Non podemos estar máis orgullosos. Practican tres especialidades e destacan en todas; son capaces de bailalo todo e ser os mellores», apuntan dende a dirección do club. Este éxito é o reflexo directo de centos de horas de adestramento, sacrificio e unha disciplina inquebrantable.
Próximo obxectivo: O Campionato de España e formación internacional
O club non se detén. A mirada está posta agora na primeira fin de semana de xullo, data na que se celebrará o Campionato de España de Caribeños e Latinos en Guadalajara. Para esta cita, o equipo está a incorporar novos deportistas para estrearse tamén nas especialidades grupais.
Para chegar ao máximo nivel, a formación segue sendo un piar fundamental. Esta mesma fin de semana, os nosos deportistas participarán nun training intensivo de bailes caribeños dirixido polo prestixioso mestre Simone Sanfilippo, chegado dende Turín (Italia), para puír os detalles técnicos que marcan a diferenza na pista.