A segunda edición do festival Ou Yeah! consolida o seu formato expandido pola provincia de Ourense coa confirmación de lendas do rock estatal e as bandas máis potentes da escena actual.
O Festival Ou Yeah! desvelou hoxe a súa programación musical completa cartel para 2026, unha proposta que reafirma o compromiso de converter a provincia de Ourense nun escenario vivo e nun destino cultural de referencia. Coa confirmación oficial de Luz Casal e Burning, o certame redondea unha ambiciosa programación que xa contaba coa enerxía de Loquillo, The Rapants e Kitty, Daisy & Lewis.
Co anuncio do seu cartel completo, o Festival Ou Yeah! reafirma a promesa feita na súa primeira edición o ano pasado: non é un evento que aterra en Ourense por azar, senón un proxecto que latexa desde as entrañas da provincia. Ou Yeah! nace e medra co territorio, co rock como fío conductor para conectar artistas, públicos e escenarios na provincia. Unha aposta firme que posiciona a Ourense como un destino con identidade propia.
O festival Ou Yeah! está organizado por Escena Sonora e Thinking Up Events, co apoio da Xunta de Galicia, a través da Axencia Turismo de Galicia no marco de Concertos do Xacobeo, da Deputación Provincial de Ourense e do Concello do Carballiño.
Datas e escenarios: Un festival que percorre a provincia e as xeracións
A segunda edición do Ou Yeah! consolida o seu «formato expandido», repartindo as súas principais citas en diferentes datas e enclaves emblemáticos para activar o territorio:
- 6 de xuño (Expourense): A gran cita inaugural co rock lendario de Loquillo, o magnetismo vintage de Kitty, Daisy & Lewis e o fenómeno galego do momento, The Rapants.
- 31 de xullo, O Carballiño (Praza da Veracruz): A recoñecida banda Burning, ofrecerá un concerto gratuíto. O directo terá lugar nun enclave emblemático da vila, reforzando o vínculo do festival coa identidade local.
- 4 de outubro (Pazo dos Deportes Paco Paz): O broche de ouro do festival será o reencontro máis íntimo e universal, pois Luz Casal volve á cidade de Ourense por primeira vez dende 2019.
Con estas incorporacións, o festival non só suma nomes de referencia, senón que reforza a súa idea de unir territorios e épocas.
Loquillo, icona indiscutible do rock estatal con case cinco décadas de traxectoria, chega en plena xira do seu último traballo Corazones Legendarios, cun directo que revisita os grandes éxitos dunha carreira tan influente como extensa. Lidera así un cartel que se completa co magnetismo vintage e mestizo do trío británico Kitty, Daisy & Lewis, recoñecidos polas súas producións analóxicas e por un directo no que transitan con naturalidade entre o blues, o soul e o rock and roll. A proposta complétase coa enerxía desbordante de The Rapants, un dos nomes máis convocantes da nova escena galega, que vén de publicar o seu novo LPRapants Club e de encher o Multiusos Fontes do Sar na súa estrea ao vivo, consolidándose como unha das propostas máis destacadas e en clara proxección da nova escena.
Burning, lenda do rock estatal, suma máis de catro décadas de traxectoria marcadas por unha identidade propia, canalla e nostálxica, que atravesa xeracións. Liderados por Johnny Burning, reivindicarán na terra do Carballiño unha historia construída entre luces e sombras, convertida xa en patrimonio do rock en español.
E, por último, se falamos dun festival de rock galego, a presenza de Luz Casal convértese en imprescindible no cartel. A artista subirase ao escenario ourensán para presentar o seu último traballo Me voy a permitir, un dos proxectos máis libres e persoais da súa carreira. Cunha proposta escénica que funciona como ponte entre pasado e futuro, o público do Paco Paz será testemuña da súa intensidade emocional, da elegancia da súa chanson e da forza do seu rock.
A Ribeira Sacra como punto de partida simbólico
A presentación oficial celebrada hoxe na Ribeira Sacra non só confirma os grandes nomes da edición, senón que simboliza a esencia do festival, que entende a cultura como unha experiencia interxeracional ligada ao territorio e á identidade ourensá. O acto funcionou como un adianto do espírito que move o festival: mentres no Embarcadoiro de Santo Estevo, o músico Gonzalo Arca puxo banda sonora á ocasión cun showcase acústico, mentres o chefGerson Iglesias, en representación de Cociña Ourense, traduciu a identidade do territorio en pratos que reivindican o produto local.
Durante o encontro, Manuel Pardo, Delegado Territorial da Xunta de Galicia en Ourense, quixo compartir unha reflexión persoal como afeccionado á música, admitindo que era difícil imaxinar que a provincia puidera acoller a lendas como Jethro Tull ou The Waterboys. Segundo Pardo, a continuidade deste ano con artistas como Luz Casal, Los Enemigos ou Burning é fundamental para poñer en valor o patrimonio cultural e arquitectónico das vilas ourensás, dinamizando o territorio sen caer na repetición e dándolle o seu lugar ao produto de proximidade.
Pola súa banda, Marcos Vázquez, Director da Área de Cultura e Deportes da Deputación de Ourense, cualificou como unha honra realizar esta presentación nun espazo que é patrimonio de todos os galegos. Vázquez sinalou que para a Deputación é prioritario apoiar ideas que faciliten o desfrute do que Ourense ofrece, co obxectivo de exportar a imaxe da provincia ao exterior e, ao mesmo tempo, garantir que sexan os propios veciños quen compartan e vivan este potencial.
Nesta liña de vertebración local, Manuel Dacal, concelleiro de Turismo do Concello do Carballiño, reivindicou o seu municipio como un lugar que representa fielmente os tres estandartes do festival: o rock, a identidade ourensá e a gastronomía, aproveitando a súa intervención para desexar unha edición que consolide este vínculo. No mesmo sentido expresouse Raúl Soto, concelleiro de Turismo, Cultura, Deportes e Educación de Nogueira de Ramuín, quen destacou o simbolismo de celebrar o acto no Embarcadoiro de Santo Estevo, un enclave histórico que hoxe se presenta como vangarda e futuro, demostrando que cultura e patrimonio deben camiñar da man.
Para pechar as intervencións, Jose Freiría, dende a organización, subliñou que o Ou Yeah! naceu co obxectivo de aterrar unha idea de festival inusual que fose moito máis alá dunha sucesión de concertos. Freiría explicou que o proxecto busca vertebrar a provincia a través do rock e a gastronomía, movéndose polo territorio para activar unha forma diferente de vivir Ourense.
En definitiva, o Festival Ou Yeah! reafírmase como unha aposta pola descentralización e a sostibilidade, un proxecto que non se explica só polo que ocorre no escenario, senón pola memoria e os encontros que se xeran en cada un dos seus espazos.
O festival volverá contar coa colaboración de Cociña Ourense. En cada fito do calendario, os asistentes poderán desfrutar de propostas gastronómicas elaboradas con produto local por chefs da provincia, vinculando a experiencia musical coa identidade culinaria ourensá.
As entradas para a xornada do 6 de xuño en Expourense, con Loquillo, The Rapants e Kitty, Daisy & Lewis, xa están á venda cunha promoción early bird a 28 € (+ gastos), sendo o prezo da entrada xeral de 38 € (+ gastos).
Para o concerto de Luz Casal, que terá lugar o 4 de outubro no Pazo dos Deportes Paco Paz, os tickets poden adquirirse dende 28 € (+ gastos).
Ambos eventos teñen as súas entradas dispoñibles en ouyeah.gal e ataquilla.com. Pola súa banda, o concerto de Burning en O Carballiño será de balde.