Tras o recente anuncio do Goberno local presumindo da axilidade no pago a provedores, o Grupo Municipal do Partido Popular quixo denunciar a «fenda» que existe entre a propaganda oficial e a realidade que viven moitos autónomos e pequenos empresarios da cidade.
Para os populares, o relato de eficiencia que intenta vender o goberno municipal non se sostén cando se baixa ao detalle dos casos particulares. A formación asegura ter constancia de empresarios que, a día de hoxe, seguen esperando polo cobro de traballos realizados hai máis de medio ano.
- Facturas «esquecidas»: Existen provedores con facturas pendentes de cobro dende outubro de 2024.
- Debeldas do San Froilán: O PP tamén denuncia que aínda hai traballos realizados durante as festas do San Froilán que seguen sen ser liquidados.
A formación destaca que esta «carreira por trasladar unha imaxe de boa xestión» choca frontalmente co incumprimento dos prazos legais por parte do Concello.
«Sorprende que presuman de datos de pago cando a día de hoxe segue sen estar feita a liquidación do exercicio 2025, unha documentación económica que debería estar pechada antes do 30 de marzo», sinalan dende o Grupo Popular.
«Menos propaganda e máis xestión»
Dende o PP instan ao Goberno local a que abandone os «titulares triunfalistas» e se centre en dar solucións aos profesionais que levan meses agardando polos seus cartos.
«Antes de lanzar propaganda, o goberno debería centrarse en cumprir cos prazos administrativos e en dar resposta aos emprendedores que non poden esperar meses para cobrar polo seu traballo. Non se pode presuimir de pagar rápido cando hai facturas de 1.600 euros pendentes dende o ano pasado», conclúen.