Diego Adrián Mallo (UCIN Compostela), lanza un plan integral de benestar animal con novos espazos e melloras no Refuxio de Bando

O candidato de UCIN á Alcaldía, Diego Adrián Mallo, anunciou un dos eixos principais do seu proxecto político de cara ás eleccións municipais de 2027: converter a capital galega nun referente en benestar animal tanto en Galicia como no conxunto do Estado.

“Se son alcalde en 2027, Compostela será o concello do benestar animal dende o inicio da vida dos animais ata o seu final”, afirmou o tamén coordinador local de UCIN, quen defendeu que o trato aos animais define o nivel de civismo, modernidade e respecto dunha cidade.

Mallo denunciou que esta materia foi historicamente relegada a un segundo plano, sen planificación nin políticas ambiciosas, e apostou por situar o benestar animal no centro da acción municipal mediante un Plan Integral que mellore tanto a vida das mascotas como a convivencia cidadá.

Entre as medidas máis destacadas inclúese a creación dunha rede de parques caninos en todos os barrios, con espazos seguros, equipados e sometidos a mantemento periódico. Tamén propón avanzar cara a unha Compostela “pet friendly”, facilitando o acceso regulado de animais ao transporte público, taxis e determinados espazos municipais.

Outro dos puntos clave é a reforma do Refuxio de Bando, coa profesionalización da súa xestión, mellora da atención veterinaria e impulso de campañas de adopción, ademais de fórmulas de colaboración que garantan control público e maior eficacia.

O proxecto incorpora tamén a creación dun “Xardín da Memoria Animal” en Aríns, un espazo verde destinado ao recordo das mascotas falecidas, con zonas de paseo, elementos simbólicos e unha área específica para homenaxear aos animais que morreron sen ser adoptados.

A proposta complétase con campañas de concienciación sobre adopción responsable, esterilización e loita contra o abandono, así como accións educativas nos centros escolares.

“Unha cidade mellor tamén se constrúe así. Falar de benestar animal é falar de saúde pública, convivencia e valores”, concluíu Mallo.

UCIN Santiago avanzou que continuará presentando nas próximas semanas novas propostas sectoriais dentro dun programa centrado na mellora da calidade de vida da cidadanía.

Comparte éste artículo
No hay comentarios