Non imos falar daquela americanada ñoña que protagonizara Tom Cruise (Top Gun) e que se traducira coma «Ídolos do aire». Non, os ídolos que nos ocupan son de verdade, dos que arriscan case a súa vida para salvar outras, coma o piloto do helicóptero asturiano que na mañá deste venres festivo rescataba despois de horas de angustia á decena de vacas que quedaban atrapadas no río Miño ao seu paso por Taboada, concretamente nun barranco do encoro de Belesar, un lugar inaccesible ao que foron parar, crese, perseguidas por algún depredador.
De contado o operativo para sacalas do lugar púxose en marcha, pero unha por terra e outra por mar foron as únicas que conseguían fuxir do seu encerro. Sen máis posiblidade que o aire, un helicóptero pilotado con sangue frío e moita precisión finalmente voaba cos animais un por un ata despositalos todos en lugar seguro. A colaboración de Protección Civil, voluntarios e persoal de Emerxencias foi fundamental nun labor co que amencemos case sen esperanza, pero que a vontade cidadá e a profesionalidade dos expertos implicados fixo posible. Non se reparou en gastos nin esforzos, porque pese a vivir tempos onde é tan doado deshumanizar, comprace ver como parte dos nosos impostos serven para que non se deixe morrer a ninguén, tampouco aos animais que forman parte do noso entorno e, con frecuencia, das nosas familias. Ídolos de carne e óso que conseguiron que iso tan manido de «cando vexa vacas voando» fose por unha vez algo completamente real. Pero oxalá volva quedar pronto no que sempre foi: unha frase feita que non implique maiores riscos.