O Compostela derrota ao Estradense para seguir pensando no ascenso directo

A entrada de Maceira acabou sendo determinante no triunfo do Compostela sobre o Estradense. Os locais, que dependen do Arosa para ser primeiros logo da derrota da pasada xornada nas Somozas, adiantáronse dúas veces con goles de Carlos e Parapar. O gol do coruñés valeu para desempatar definitivamente, despois que os da Estrada empataran por medio de Edu antes do descanso. O primeiro tempo durou 55 minutos pola grave lesión de Landeira.

Lesión grave, gol de churro e reacción inmediata

O partido da xornada naceu cargado de tensión. O Compostela negociando as últimas opcións para ascender directamente e o Estradense pelexando por non saír das cinco primeiras posicións nas que se instalara había dúas xornadas.
A tensión sentiuse nos primeiros minutos en forma de dureza. Ninguén era dono do xogo. O Estradense contaba con algo máis de espazo pola lixeira superioridade local na posesión e o adiantamento de liñas, pero non se creaban ocasións nas áreas alén de disparos afastados.
Aos tres cartóns por entradas fortes nos primeiros vinte minutos seguiulles a cuarta, noutra dura entrada de Landreira sobre Carlos cando aresán adiantou a pelota nun drible no lateral da área. O central pisou mal no seu tento de anticipación, mandou ao punta local á herba el tamén quedou nela, con xestos de dor. O partido parou dez minutos agardando pola chegada da ambulancia que o trasladou a un hospital. Como se fora un mal presaxio, deuse a curiosidade que Landeira non aparecera na folla de aliñacións previa ao partido.
Parapar, no primeiro disparo entre os paus, fixo intervir a Brea no libre directo lateralizado. O xogo mellorou algo no último cuarto de hora Con iso tiveron que ver os goles. O primeiro foi unha secuencia de despropósitos no minuto 33. Goris recibiu a pelota na área, o seu disparo, mordido, ficou convertido nun pase a Carlos, que tampouco golpeou do mellor xeito. Brea non se lanzou ben ao chan e a pelota escorregoulle até o interior da portería.
Non demorou o Estradense en reaccionar. Cinco minutos despois, os de Manuti foron verticais, Edu recibiu na área e apuntou ben, e velozmente, un xute cruzado no que tomou como referencia a base do pau. Álex Cobo non chegou á bola na súa estirada.
O Compostela puido irse aos vestiarios en vantaxe. Adrián, que permutaría a posición con Parapar até a súa retirada, case ao final do partido, puxo un centro á área que Carlos voleou ao traveseiro.

Maceira saca detalles de brillantez

O Estradense, apoiado por moitos seareiros no derbi da delegación, tamén puido adiantarse a comezos do segundo tempo cunha subida de Ángel na perpendicular ao pau, pero Álex Cobo desviou o seu xute.
Brea empregouse no minuto 51 para desviar unha entrada de Samuel, que fechou cun disparo forzado.
Secho Martínez fixo a primeira dobre substitución e Maceira non tardou en deixar unha pinga de cualidade. Non precisou demasiado para medir un centro ao primeiro pau, pero Parapar, que chegaba con vantaxe ao remate, só sentiu a brisa do balón na fronte, sen poder conectar un remate ganador.
O primeiro cuarto de hora do período fechouse cunha boa acción de Gerard, que deixou o coiro a pés de Pedrosa. Desta vez, Álex Cobo chegou abaixo para salvar o xute do goleador encarnado.
Maceira volveu a ser protagonista aproveitando un roubo de Uzal na parcela inimiga. O lanzamento do goleador branco e celeste rozou o pau. Eran uns momentos nos que os locais xogaron con dous atacantes. No minuto 65 recuperaron o debuxo inicial coa marcha de Carlos.
O partido seguiu aberto e acabou por definirse nas dúas últimas ocasións do partido.
No minuto 74, Mella alcanzou a frontal da área compostelanista grazas á súa habilidade nun drible. Con certa vantaxe, cedeu a Padín, quen non precisou no disparo desde a media lúa, mandando a pelota alta.
No minuto 80 o partido arranxouse para o cadro local no seu ataque máis simple e máis vertical. Álex Cobo lanzou ao campo rival, Maceira prolongou de cabeza cara a Parapar. O de Labañou chegou antes que Brea ao balón dividido e marcou a porta baleira.
O Compostela mete presión ao Arosa, que deberá gañar este sábado (02/05/2026) ao Cambados, nun dos derbis da temporada no Salnés, para manter a primeira posición.

Ficha

VENRES 01/05/2026 (12,00) Campo: VERÓNICA BOQUETE DE SAN LÁZARO (1.860)
S.D. COMPOSTELA : 2 – C.D. ESTRADENSE : 1 (1‑1)

COM : Álex Cobo; Valín (Cañi 65’), Uzal, Crespo, Damián; Parapar, Samuel (Aarón Martínez 53’), Unai, Goris (Maceira 53’), Adrián (Lucas 88’); Carlos (Rosón 65’). Tre. Secho Martínez. (Banco: Graumann (g); Kiko; Varela).
EST : Brea; Ángel, Carabán, Landeira (Bellido 28’), Pichi; Gerard (Padín 68’), Miguel (Óscar López 80’), Brais Vidal; Edu (Ian 80’), Raúl (Mella 68’), Pedrosa. Tre. Manuti. (Banco: Israel (g); Álex (g); Prieto; Marcos).
Goles: 1-0 Carlos 33‘; 1-1 Edu 38‘; 2-1 Parapar 80‘.
Árbitro: Casanova Cudeiro (Galiza-Ourense). Auxiliares: Castro Fernández e Feijoo Pazos.
Disciplina: CA: Valín 9’; Pedrosa 17’; Crespo 20’; Landeira 28’; Miguel 73’; Álex Cobo 90’.
NOTAS: 28’ O partido fica detido durante dez minutos á espera da chegada dunha ambulancia pola lesión de Landeira.
Observacións: O colexiado non parou o seu reloxo coa lesión de Landeira polo que minutou na acta a súa substitución no 38 e os dous primeiros goles no 44 e no 45.

Foto: Goris protexe a pelota ante Pedrosa baixo a mirada de Secho Martínez. © 21noticias.com
Foto: Landeira, na angarella e coa protección no pé, do lado da ambulancia. © 21noticias.com

Etiquetas
Comparte éste artículo
No hay comentarios