A plataforma Transfuguismo Non, Democracia Si, celebrou na tarde de hoxe unha nova concentración expresar o rexeitamento e indignación da veciñanza de Lugo ante as manobras do Partido Popular de Lugo, «un intento de alterar a vontade democrática da cidadanía», segundo afirmou o portavoz da Plataforma, Lois Pérez.
A plataforma reclama dar continuidade á defensa do mandato expresado nas urnas nas últimas eleccións municipais, nas que a maioría social de Lugo apostou claramente por un goberno de esquerdas. «esta vontade popular debe ser respectada, garantindo a estabilidade dun executivo progresista que represente os intereses da veciñanza», explicou Pérez.
O actual goberno, conformado por forzas de esquerdas en coalición co PSOE e o BNG, situou a cidade de Lugo como un referente en desenvolvemento económico, vangarda cultural e cidade de acollida. Así mesmo, o portavoz da plataforma destacou o compromiso cun modelo de cidade social, centrado en políticas que melloren a vida das veciñas e veciños, especialmente daqueles que máis o precisan.
A mobilización continúa durante o desenvolvemento do pleno ordinario.