O PPdeG pon en valor o cooperativismo galego, un “ecosistema sólido” con máis de 2.000 entidades activas

. O PPdeG puxo en valor o cooperativismo galego, un “ecosistema sólido”, que conta con máis de 2.000 entidades activas, mobiliza arredor de 3.500M€ ao ano e xera emprego a máis de 78.000 persoas, entre socios e traballadores.

Durante unha reunión con representantes da Unión Cooperativas EspazoCoop, en Santiago de Compostela, os deputados do Grupo Parlamentario Popular, Noelia Pérez e Argimiro Marnotes, incidiron no cooperativismo como unha “parte esencial da economía galega”, por ser “unha auténtica panca de transformación”, apuntou Noelia Pérez. Algo que se aprecia, dixeron, con especial claridade no rural no galego, onde moitas cooperativas sosteñen actividade agraria, servizos de proximidade, comercialización e emprego local. “Significa xerar oportunidades, fixar poboación e aproveitar recursos locais, creando valor engadido”, sinalou Noelia Pérez.

Nesta liña, o Parlamento de Galicia vén de aprobar, esta semana, a iniciativa do Grupo Popular, relativa a “impulsar, reforzar e consolidar” a economía social e o cooperativismo como piares estratéxicos do modelo económico galego. A proposición non de lei, que saíu adiante por unanimidade, avoga por promover desde a Xunta de Galicia medidas específicas de apoio á innovación, dixitalización e sustentabilidade das entidades da economía social, favorecendo a súa adaptación aos novos modelos produtivos de negocio.

UNHA NORMATIVA PARTICIPADA

“O ámbito da economía social e do cooperativismo é o punto de partida da actividade emprendedora da nosa comunidade”, resaltou Argimiro. Así, subliñou o apoio do Goberno galego ás políticas vinculadas coa economía social e ao cooperativismo, ás que este ano destina preto de 45M€. E puxo como exemplo programas como o Bono Consolida ou o ES-Transforma.

Asemade, fixeron referencia, tamén, ao proceso de tramitación do anteproxecto da nova Lei de cooperativas de Galicia, que chega, dixeron, logo dun “amplo proceso participativo” co sector, co fin de seguir apostando por este eido como motor de progreso, cohesión social e desenvolvemento sustentable.

Neste punto, salientaron a importancia de avanzar cara unha maior axilidade administrativa e unha mellor regulación interna, así como tamén en máis seguridade xurídica. E abordaron o auxe de novas tipoloxías, especialmente relevantes en Galicia, como as vinculadas aos coidados, á enerxía ou á vivenda.

Etiquetas
Comparte éste artículo
No hay comentarios