A Asociación Cultural A Pinguela de Bama repite por noveno ano a súa morada, a foliada de sempre con nome propio.
A asociación A Pinguela de Bama no concello de Touro vén realizando dende o ano 2017 actividades vencelladas á posta en valor da música e o baile tradicional galego. Con preto de 90 alumnos e alumnas de todas as idades, na actualidade conta cunha escola de música e baile tradicional onde crianzas e maiores participan en clases de diferentes niveis de gaita, percusión (tambor e bombo), pandeireta e canto, baile, acordeón e debuxo e pintura.
No ano 2022 a foliada que organiza pasou a denominarse a «Morada de Bama«. As pescudas realizadas no marco do proxecto “Dende a cociña” sacaron á luz este termo, “morada”, para referirse a uns bailes con gaiteiros que tradicionalmente se facían a comezos do ano. Normalmente comezaban a finais de xaneiro, cando xa medraban algo os días, e duraban ata o Entroido.
Estas festas tiñan lugar os sábados ou domingos pola tarde ao longo de varias semanas e nelas tocaba un grupo de gaiteiros, pagado co diñeiro que recadaban os mozos da parroquia (os panxoleiros) cando saían a cantar a Panxola e os Reis durante o Nadal.
Temos documentado a realización de moradas (con esta denominación) nas parroquias de Bama e Loxo (en Touro) e tamén na parroquia da Lavacolla (Compostela) ata os anos 70. Algunhas fontes recentes subliñan que parte do declive e abandono destas festa foi a falta de mocidade (emigración interior a cidades) e a emigración exterior (a comezos dos 70 foi moita a xente de Bama que emigrou a Holanda, por exemplo). Para non perder este termo (que non se recolle con este significado nos dicionarios) a asociación organiza a xa IX Morada de Bama, “a foliada de sempre con nome propio”.
Este ano continuaremos con esta tradición celebrando a IX Morada de Bama o sábado 9 de maio de 2026 no campo da festa de Bama (Touro) dende as seis da tarde. Teremos música, baile, cantina con comida e bebida, pulpeira, varios sorteos, un obradoiro de baile con Rebeca Tallón e xogos tradicionais para as crianzas da man de Somos Enredos SL.
O prato forte son os os concertos dos grupos Pan Sen Fron e Comando Curuxás ao final da noite pero o torreiro xa estará botando fume despois das actuacións de varios grupos de afeccionados da contorna. Ademais dos diversos grupos da escola da Pinguela de Bama actuarán As do 20 (Arca, O Pino), Axóuxeres de Cornado (Cornado, Touro), No Deloiro (Lestedo, Boqueixón), A. C. Vivantes (Compostela) e Embruxo Gaiteiros (Ordes).