A vicepresidenta da Deputación de Pontevedra, Luisa Sánchez, anunciou este luns a disposición da institución provincial de achegar fondos económicos para promocionar o aeroporto de Vigo en orixe. Segundo avanzou, a contía precisarase cando se definan as características desa promoción turística.
Tras participar na xuntanza do Grupo de Traballo de Conectividade Aérea de Galicia, que se desenvolveu “nun clima de entendemento e con vontade de aproximar posturas”, a representante provincial nesta reunión avogou por explorar novas vías de potenciación de Peinador ante o “fracaso evidente” que supuxeron as subvencións a compañías aéreas en Vigo. Deste xeito, a Deputación de Pontevedra súmase á proposta realizada por AENA, que tamén goza do respaldo da Xunta de Galicia.
Neste sentido, Luisa Sánchez defendeu que as aeroliñas que abran novos enlaces na terminal olívica poderán acceder a “importantes vantaxes” durante o primeiro exercicio, de cara a poñer en marcha esas operacións tomando como base o estudo realizado por AENA, que analizou casos de negocio para Vigo. Así, ademais dos fondos que achegaría a Deputación de Pontevedra para promocionar Peinador en orixe, se beneficiarían dos 100.000 euros por ruta e ano que asumiría a Xunta para este mesmo obxectivo e das bonificacións de taxas que ofrece o operador aeroportuario.
“A partir do segundo ano, unha vez comprobada a demanda suscitada por esas conexións, será o mercado quen determine se son rendibles ou non”, sinalou a vicepresidenta. “A Deputación de Pontevedra entende que non se pode seguir reincidindo nunha política de subvencións que só mantén artificialmente o tráfico aéreo, que se ten amosado ineficaz para asentar voos e que supón un dispendio de cartos públicos que acaban nas contas de empresas que acaban abandonando o noso aeroporto”, engadiu.
Luisa Sánchez lamentou o “desbalde” cometido polo Concello de Vigo, que gastou máis de dez millóns de euros na última década en subvencionar compañías aéreas sen conseguir consolidar unha sola ruta. “É triste que un alcalde crea que a súa cidade só pode captar tráfico aéreo pagando”, advertiu.
Igualmente, volveu reivindicar o potencial de Vigo e das Rías Baixas como destino turístico e de negocios, apostando por xerar interese real no mercado. Así mesmo, reclamou “enlaces aéreos axeitados para as empresas que teñen que desprazarse día si e dia tamén a outras urbes españolas ou incluso europeas”.
A este respecto, salientou que a provincia goza dunha área de influencia dun millón de habitantes, dun “potente” tecido económico que demanda conexións nacionais e internacionais, dun “atractivo turístico enorme” e de opcións de acadar os dous millóns de pasaxeiros ao ano.