Neglixencia na Limia: A Federación Galega de Piragüismo ignora os riscos da contaminación

A Confederación Hidrográfica Miño Sil prohibiu a pasada fin de semana unha competición nas Conchas e a Federación Galega de Piragüismo (FGP) atrévese a cuestionar a decisión en base a que non había análises completas sobre especies de cianobacterias nin sobre toxinas, e afirmando que os valores detectados estarían, segundo a FGP, moi por debaixo dos límites internacionais considerados perigosos.

Resulta especialmente grave que unha entidade deportiva cuestione unha decisión adoptada por un organismo competente en materia de protección das augas e saúde ambiental. A Federación pretende trasladar a idea de que non existe risco suficiente porque, segundo afirma, non habería análises completas sobre determinadas especies de cianobacterias ou toxinas. En que análises se basea a Federación Galega de Piragüismo para poñer en dúbida a suspensión?

Que a FGP se atreva a cuestionar a decisión dun órgano técnico competente na materia de protección de augas indica a falta de sensibilidade social dos dirixentes federativos, que non deberían ser alleos ao contexto no que se produce esta decisión despois de que o Supremo avalase a sentenza do TSXG alarmando sobre os efectos da contaminación do encoro.

AUGA LIMPA XA! lembra que xa o ano pasado tivo que suspenderse unha regata porque o encoro se atopaba en nivel de máxima contaminación.

No canto de velar pola saúde dos seus deportistas, polas condicións das augas e espazos nos que se practica a súa disciplina -que é o menos que se lles pode esixir a estes dirixentes-, a FGP convértese en altofalante do discurso NEGACIONISTA da Xunta e do Concello de Muíños, seguramente porque ten moito que agradecer a estas institucións e ao partido que leva á fronte das mesmas desde que o problema da contaminación empezou a abrollar.

Desde a plataforma veciñal AUGA LIMPA XA! e todos os colectivos que están a apoiar a nosa loita de décadas non imos consentir que se MANIPULEN E DETURPEN datos, resolucións xudiciais e evidencias científicas, e nin moito menos se intente pasar por riba dos dereitos das veciñas e veciños das comarcas da Limia a termos unhas augas limpas e ao coidado que a nosa saúde merece porque a FGP queira seguir utilizando As Conchas porque é o que lle convén a Plácido Álvarez (alcalde do PP de Muíños) ou a Alfonso Rueda e ás súas conselleiras de Medio Rural e de Medio Ambiente.

Cos súa actitude, pretende a Federación normalizar unha situación ambiental gravísima? O encoro das Conchas non pode ser tratado como un simple campo de regatas mentres persistan episodios de contaminación, floracións bacterianas, carga de nutrientes e riscos microbiolóxicos.

Advertimos ao presidente da FGP, o señor José Alfredo Bea García, olímpico e medallista mundial, e a toda a súa directiva, que todos os seus títulos, medallas e distincións deportivas non valen nada diante da dignidade e respecto que merecen as veciñas e veciños do encoro e de toda A Limia que están a sufrir desde hai anos un risco certo para a súa saúde. Iso, señor Bea, a nosa auga e a nosa saúde, si que valen ouro.

A plataforma reclama á Confederación Hidrográfica Miño-Sil, á Consellería de Sanidade e á Xunta de Galicia que manteñan controis estritos e que non autoricen ningunha competición no encoro das Conchas mentres non existan garantías sanitarias plenas.

Expresamos o noso total apoio á prohibición de competicións deportivas nas Conchas mentres non se reduzan drasticamente os valores da contaminación que o encoro arrastra desde hai anos.

Etiquetas
Comparte éste artículo
No hay comentarios