A Deputación da Coruña apoia a 74ª Tempada Lírica, que consolida A Coruña como unha das grandes cidades da ópera en España

Bernardo Fernández destacou a colaboración sostida da Deputación con Amigos da Ópera, “a asociación lírica máis antiga de España”, e definiu a tempada como “un dos grandes motores culturais da provincia.

 A Deputación da Coruña apoia, un ano máis, aTempada Lírica da Coruña, que alcanza xa a súa 74ª edición cunha espectacularprogramación centrada na forza feminina e con dúas grandes producións operísticas como protagonistas: Jenůfa, de Leoš Janáček, que se estreará por primeira vez en Galicia, e Tosca, de Giacomo Puccini, que regresará á escena coruñesa despois de 22 anos.

O deputado portavoz do Goberno provincial, Bernardo Fernández, participou esta mañá no Concello da Coruña na rolda de prensa de presentación da nova tempada, xunto ao concelleiro de Cultura, Gonzalo Castro; o director da Agadic, Jacobo Sutil; e o representante de Amigos da Ópera da Coruña, José Luis Méndez Romeu.

Durante a súa intervención, Bernardo Fernández destacou que a Tempada Lírica “forma xa parte da identidade cultural da Coruña” e puxo en valor a capacidade deste proxecto para medrar ano tras ano mantendo unha programación de primeiro nivel.

“Non é casualidade que a Tempada Lírica cumpra 74 edicións sendo capaz de seguir traendo á cidade actuacións do máis alto nivel. Detrás hai un proxecto claro, unha entidade comprometida coa difusión da cultura, unha demanda por parte dos afeccionados coruñeses á ópera e tamén un apoio institucional constante”, afirmou.

O deputado lembrou que a colaboración da Deputación da Coruña con Amigos da Ópera é unha aposta sostida ao longo de décadas. “Estamos convencidos de que a cultura é un investimento estratéxico e de que a Tempada Lírica da Coruña é un dos grandes motores culturais desta provincia”, sinalou.

Fernández salientou que esa continuidade permitiu traer á Coruña nos últimos anos grandes títulos do repertorio operístico, con producións que sitúan a cidade “no mapa lírico estatal e internacional”. Neste sentido, citou obras como Carmen, de Bizet; Aida, de Verdi; ou Tosca, de Puccini, que poderá verse no Palacio da Ópera os días 22 e 24 de outubro.

Primeira representación de Jenůfa en Galicia

A 74ª Tempada Lírica abrirase en setembro cunha das grandes apostas desta edición: Jenůfa, de Leoš Janáček, que se representará no Palacio da Ópera os días 17 e 19 de setembro. Será a primeira vez que esta obra se poida ver en Galicia e A Coruña converterase nunha das poucas cidades españolas que a levaron a escena.

Bernardo Fernández cualificou esta elección como “especialmente significativa”, ao tratarse dunha obra pouco frecuente que só se programa nas grandes prazas operísticas. “Esta aposta de Amigos da Ópera revela a confianza no público coruñés, que leva anos demostrando que está preparado para propostas ambiciosas”, afirmou.

Ademais, Jenůfa chegará á cidade como unha nova coprodución entre Amigos da Ópera da Coruña e Ópera Garage Producciones, con dirección escénica de Emiliano Suárez e Vanessa Goikoetxea como protagonista. Para Fernández, este feito reforza a dimensión creativa da tempada: “Non só traemos grandes espectáculos, senón que tamén participamos na súa creación. Iso é fundamental para consolidar un proxecto cultural con identidade propia, que sitúe A Coruña como cidade de ópera”.

A programación desta 74ª edición incluirá preto dunha vintena de actividades líricas abertas a distintos públicos e espazos da cidade. Entre elas figuran unha nova colaboración con Viñetas desde o Atlántico, a décima edición do curso de interpretación vocal, conferencias introdutorias, proxeccións de ópera e cine, recitais de lírica inclusiva e unha nova edición do programa Ópera para nenos.

Este programa achegará a ópera a máis dun milleiro de estudantes da cidade e da súa área de influencia e, como novidade, tamén chegará ao Hospital Materno Infantil Teresa Herrera, permitindo que nenos e nenas ingresadas, as súas familias e o persoal sanitario poidan gozar dunha actividade cultural pensada para achegar a lírica á cidadanía.

Outro dos eixos da tempada será a lírica inclusiva, que ampliará este ano o seu radio de acción coa colaboración na programación do Festigual. Haberá recitais gratuítos no Centro Cívico de Monte Alto, no Círculo de Artesáns e no Fórum Metropolitano, con acceso libre ata completar aforo.

Tosca volve ao Palacio da Ópera da Coruña

A tempada complétase co regreso de Tosca, de Puccini, que se representará os días 22 e 24 de outubro no Palacio da Ópera. A produción do Opéra-Théâtre de Metz contará con Miren Urbieta-Vega no papel de Tosca, Ragga Eldin como Cavaradossi e Carlos Álvarez como Scarpia, coa participación da Orquestra Sinfónica de Galicia, baixo a dirección de Paul-Émile Fourny, e os coros Gaos e Cantabile.

Bernardo Fernández rematou a súa intervención recoñecendo o traballo de Amigos da Ópera da Coruña, “a asociación lírica máis antiga de España”, e trasladando o compromiso da Deputación de seguir acompañando este proxecto cultural.

“O noso compromiso é seguir estando aí, apoiando a Amigos da Ópera para que A Coruña siga sendo unha referencia no mundo da lírica”, concluíu.

A 74ª Tempada Lírica da Coruña conta co apoio da Deputación da Coruña, a Xunta de Galicia, o Concello da Coruña, a Fundación Emalcsa e o INAEM, ademais da colaboración de Afundación, o Museo de Belas Artes da Coruña, Viñetas desde o Atlántico, o Conservatorio Superior de Música da Coruña, o Hospital Teresa Herrera e a Filmoteca de Galicia.

A venda de abonos e entradas para persoas asociadas abrirase a finais de maio nas oficinas de Amigos da Ópera. O público xeral poderá adquirir as súas entradas desde comezos de xuño a través de Ataquilla, na praza de Ourense e, nos días de representación, tamén na taquilla do Palacio da Ópera.

Comparte éste artículo
No hay comentarios