A Deputación da Coruña convoca tres certames en materia de Igualdade cunha dotación de 128.000 euros en premios

Os premios Luísa Villalta, Begoña Caamaño e Concepción Arenal cobren proxectos que fomenten a igualdade real nos ámbitos social, artístico e educativo.

A Deputación acaba de poñer en marcha tres das súas convocatorias anuais máis relevantes en materia de igualdade, sumando un investimento total de 128.000 euros. Son os premios Luísa Villalta, Begoña Caamaño e Concepción Arenal, dirixidos a diversos sectores da sociedade galega, desde o ámbito empresarial e as persoas autónomas ata o movemento asociativo cultural e os centros de ensino público da provincia. O obxectivo destas subvencións é financiar propostas concretas que traballen na visibilización das mulleres e na eliminación das discriminacións por razón de sexo ou orientación sexual.

A deputada de Igualdade, Sol Agra, sinalou que a posta en marcha destas tres liñas de axudas permite «impulsar unha acción política decidida para combater as desigualdades estruturais que aínda persisten na nosa sociedade, actuando de maneira transversal desde as institucións públicas».

Segundo explicou, con estes premios, a Área de Igualdade da Deputación «reafirma o seu compromiso coa igualdade real e efectiva, mobilizando recursos públicos para fortalecer o tecido social, cultural e educativo e garantir que a loita contra a discriminación sexa unha prioridade en todos os concellos da provincia» .

Todas as solicitudes han presentarse obrigatoriamente por vía telemática empregando a plataforma SUBTEL, integrada na sede electrónica da Deputación da Coruña. O prazo para formalizar a inscrición remata o día 28 de maio de 2026 ás 14:00 horas.

VIII Premio Luísa Villalta

O VIII Premio Luísa Villalta a proxectos pola igualdade conta coa maior dotación orzamentaria, con 100.000 euros reservados para esta edición. Concederanse un total de oito premios, de 12.500 euros cada un, destinados a persoas autónomas, empresas e entidades de economía social con sede en Galicia. Este certame busca impulsar iniciativas de impacto social que poñan de manifesto o papel feminino en campos tan variados como a ciencia, o deporte, a tecnoloxía ou o mundo rural, sempre aplicando unha perspectiva que teña en conta as desigualdades estruturais.

X Premio Begoña Caamaño

No que respecta á creación artística, a institución provincial convoca a décima edición do Premio Begoña Caamaño á acción cultural pola igualdade de xénero. Esta liña dispón de 13.000 euros que se repartirán en dous premios de 6.500 euros cada un. Poden concorrer tanto persoas físicas como entidades privadas sen ánimo de lucro que desenvolvan proxectos onde a cultura actúe como motor de cambio social. O premio quere recoñecer o labor de quen utiliza as artes para promover a igualdade e dar visibilidade a novas realidades de xénero.

XIII Premio Concepción Arenal

Pola súa banda, o ámbito escolar conta co XIII Premio Concepción Arenal, dispón de 15.000 euros para proxectos educativos. Esta convocatoria está pensada para que os centros de ensino público da provincia executen actividades pedagóxicas que axuden ao alumnado a identificar e rexeitar estereotipos sexistas. Estableceranse tres galardóns de 5.000 euros cada un para aquelas propostas que fomenten o respecto á diversidade sexual, a igualdade de trato e a prevención da violencia de xénero desde as aulas coruñesas.

Comparte éste artículo
No hay comentarios