UCIN Galicia acusa á Xunta de «abandono educativo» ante o fracaso dos protocolos contra o acoso

UCIN Galicia, a través do seu coordinador, José Luis Calo, denuncia con contundencia o que cualifica como un “fracaso evidente e reiterado” dos protocolos de actuación fronte ao acoso escolar en Galicia, tras coñecerse a condena xudicial á administración autonómica por neglixencia nun caso ocorrido en Negreira.

Para UCIN, este caso non é un feito illado, senón “a consecuencia directa dun sistema que non funciona e dunha administración que leva anos mirando cara outro lado”. Calo sinala que “os protocolos existen sobre o papel, pero na práctica chegan tarde, aplícanse mal ou simplemente non se activan cando máis se necesitan”.

Neste sentido, a formación critica duramente á Xunta de Galicia por “falta de implicación real” e por non dotar aos centros educativos dos recursos humanos e materiais necesarios para previr e actuar ante situacións de acoso.

“O problema non é só normativo, é de medios. Faltan profesionais, falta formación específica e falta vontade política. Mentres tanto, os menores quedan desprotexidos”, afirma Calo.

UCIN Galicia considera especialmente grave a decisión da Xunta de recorrer a sentenza, cualificándoa de “insensible e afastada da realidade das familias que sofren estas situacións”. “En lugar de asumir responsabilidades e mellorar o sistema, optan por litigar contra as vítimas”, engade.

Ademais, a formación insiste na necesidade urxente de incorporar a figura da enfermeira escolar en todos os centros educativos de Galicia, como medida clave para a detección precoz de problemas de saúde física e mental, incluído o acoso escolar.

“A presenza dunha enfermeira nos colexios non é un luxo, é unha necesidade. Pode ser determinante para identificar sinais de alerta, acompañar ás vítimas e coordinar actuacións co resto de profesionais”, subliña o coordinador de UCIN Galicia.

Finalmente, José Luis Calo dirixe unha crítica directa ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, ao que acusa de “inacción e falta de liderado” ante unha problemática que require “respostas inmediatas e contundentes”.

“Galicia non pode permitirse un sistema educativo que falla cando máis se lle necesita. Señor Rueda, é hora de deixar a propaganda e asumir responsabilidades reais”, conclúe.

Comparte éste artículo
No hay comentarios