O deputado provincial Javier Tourís visitou este mércores O Carril, en Vilagarcía de Arousa, onde anunciou que a Deputación de Pontevedra se encargará de financiar integramente con preto de 420.000 euros as obras de humanización e peonalización da rúa Esperanza. A Xunta de Goberno do organismo provincial aprobará este venres os recursos para esta actuación, enmarcados no Plan +Provincia 2026-2027 que destinará a Vilagarcía de Arousa máis de 2,6 millóns de euros sumando as catro liñas de 2026 e a liña 1 de 2027, á que este ano se pode acceder anticipadamente.
As obras forman parte dun proxecto de rexeneración do casco mariñeiro do Carril e consistirán na dotación dunha plataforma única con laxas de granito silvestre e con prioridade peonil, co paso de vehículos restrinxido a residentes, servizos e emerxencias. Habilitarase tamén unha pequena praza con bancos e unha zona verde no espazo onde na actualidade se rexistran os estacionamentos indebidos sobre a beirarrúa. Ademais, renovaranse as luminarias e os servizos básicos soterrados, e separarase o saneamento da recollida de pluviais para solucionar os problemas de saturación e desbordamento ante as chuvias intensas. Por último, construiranse canalizacións soterradas para o tendido eléctrico e as telecomunicacións, e proxéctanse recollidas de baixantes nas medianeiras das edificacións para evitar que vertan auga sobre a rúa. As obras tamén afectarán a travesía Lucena e terán un prazo de execución de catro meses.
Javier Tourís felicitou o Concello de Vilagarcía de Arousa por “ter en conta os criterios da Deputación nas súas guías e protocolos de actuación no espazo público á hora de deseñar este proxecto”, salientando que se fixeron modificacións na sinalización, na delimitación dos anchos de circulación peonil e na incorporación do aparcamento para axustarse a eles. Ademais, o deputado puxo en valor que cos recursos provinciais “estamos dando resposta tanto a unha actuación moi demandada pola veciñanza do Carril como a unha actuación prioritaria para o Concello, xa que o Plan +Provincia, o máis ambicioso da historia da Deputación de Pontevedra cunha dotación orzamentaria de 85 millóns de euros, trátase dun programa que defende a autonomía municipal á hora de decidir en que queren os gobernos locais investir os recursos”.