Nicole Grueira critica que Lino Rodríguez unicamente traballa para o fútbol e que, en lugar de arranxar as enormes fochancas que dificultan a circulación aos veciños, “o seu único obxectivo agora é traer ao municipio á selección de fútbol de Irán”.
Os concelleiros do Grupo Municipal Popular de Pol denuncian “a nula preocupación” de Lino Rodríguez por ter en boas condicións as pistas e camiños municipais de Pol, “totalmente desfeitas e case todas intrasitables”, unha situación que contrasta coa única preocupación do rexedor: o fútbol, que unha vez máis o demostra ao “estar a centrar o seu esforzo en traer a selección de futbol Irán, en lugar de arranxar as pistas”.
A voceira popular, Nicole Grueira, recorda que este anuncio o realizou o alcalde durante a comida da terceira idade de hai uns días, e mentres “as pistas están intrasitables a pesar de que os polenses pagamos mais impostos ca nunca”.
Cómpre recordar que Lino Rodríguez impuso hai pouco unha suba das taxas da auga e do lixo e “non contento con iso sinalou que nos seus plans a curto prazo estaba subilas de novo”, unha situación que contrasta con que “en Pol temos os peores servizos, hai pistas e camiños con fochancas que semellan cráteres”.
Nicole Grueira esixe ao alcalde que “deixe de malgastar o diñeiro e que se poña de inmediato a traballar no arranxo das pistas municipais”.
A realidade é que o estado das pistas está a provocar danos aos veciños. “Gandeiros, veterinarios, os conductores do transporte escolar, as traballoras do saf, calquera veciño en xeral… todos sufrimos estes problemas a diario”, criticou.
Neste senso, Nicole Grueira recorda que as traballadoras dos saf, ademais de sufrir o estado das pistas, ven como Lino Rodríguez lles paga o quilometraxe a 0,19€ cando tiña que abonarlles 0,26 por quilómetro.
“En Pol todos somos conscientes de que pagamos moitos impostos e temos os peores servizos, síntoma de que Lino Rodríguez non ten proxecto ou que está totalmente esgotado”, sinalou.