Da literatura de Begoña Caamaño á música de Fillas de Cassandra: a RAG estrea ‘Colchas de voces’, o videopódcast das Letras Galegas

O dúo musical vigués comparte na estrea de Colchas de voces reflexións sobre a necesidade de revisitar os mitos, o feminismo ou o uso do galego: “Coñecémonos nunha manifestación feminista e estabamos falando galego, así que non houbo reflexión contraria posible”.

Cada xeración ten a obriga e o dereito de volver sobre os mitos fundacionais para analizalos e reinterpretalos, sostiña Begoña Caamaño(Vigo, 1964 – Santiago de Compostela, 2014). A protagonista do Día das Letras Galegas fíxoo nas novelas que nos deixou, Circe ou o pracer do azul (2009) e Morgana en Esmelle (2012), dúas grandes obras da narrativa galega contemporánea que nos interpelan sobre cuestións éticas, políticas e sociais dende a perspectiva feminista que atravesa todo o seu pensamento. Arredor destes asuntos que preocuparon e ocuparon a Begoña Caamaño escritora e xornalista, a activista e a amiga, xira Colchas de voces, o primeiro videopódcast da Real Academia Galega. O programa estréase da man do dúo musical Fillas de Cassandra, cunha conversa na que María SOA e Sara Faro reflexionan sobre os moitos puntos que teñen en común coa autora que homenaxeamos este 17 de maio.

O videopódcast, dispoñible en academia.gal e na canle de Youtube da RAG, é unha das propostas que a Real Academia Galega concibiu para achegar a figura e a obra de Begoña Caamaño á mocidade. Conduce o espazo a xornalista Alba Mancebo, que presenta tamén a serie de reels É o tempo de Begoña Caamaño que a institución está a ofrecer nas redes sociais, contando coa colaboración doutras e doutros creadores de contidos. A primeira entrega conta coa colaboración de Leti da Taberna, que ofrece unha relectura dende o humor de Sailor Moon, protagonista dunha das icónicas series nipoas de debuxos animados que se emitiron no Xabarín Club.

A estrea de Colchas de voces prodúcese nestes primeiros pasos do mes das Letras Galegas e só uns días antes do concerto de estrea de Tertulia, o segundo álbum de Fillas de Cassandra, que pechan o episodio cantando un anaquiño dun dos temas incluídos neste traballo. O título do novo disco reflicte a necesidade das dúas artistas dereivindicaren, nos tempos da hiperconexión dixital, o encontro coas amigas, a volta ás conversas con vagar, a escoita. “A capacidade de falar, de entenderse, de debater é a única maneira de construír un mundo mellor conxuntamente”, expresa Sara Faro.

Fillas de Cassandra naceu en 2022 e en 2023 presentou o seu primeiro álbum Acrópole. Como Begoña Caamaño, María SOA e Sara Faro elixiron reescribir mitos clásicos dende unha perspectiva feminista, dándolles voz ás mulleres, que seguen a ser silenciadas e cuestionadas, como lle aconteceu a Cassandra, advirten. “Que as mulleres non sexamos cridas nas violencias que sufrimos favorece que o sistema patriarcal siga imperando. E sobre iso quixemos reflexionar en Acrópole, como faría Begoña Caamaño, porque esa cultura segue moi vixente, cada vez máis”, conta Sara.

Viguesas e neofalantes

María SOA foi a primeira en coñecer a obra de Begoña Caamaño, cando xa crearan Fillas de Cassandra. A descuberta da súa literatura, a través de Circe ou o pracer do azul,lémbraa como algo “incrible”, expresa compartindo a emoción de atopar unha autora tan próxima que recorrera aos mitos para falar do mundo coas lentes de cor lila. O idioma que empregan é outro dos fíos que as une á protagonista do Día das Letras Galegas 2026, que coma elas medrou en Vigo falando primeiro castelán e tomando despois a decisión consciente de se pasar ao galego. “As dúas somos neofalantes. Coñecémonos nunha manifestación feminista e estabamos falando galego, así que non houbo reflexión contraria posible. E enténdese, quen quere entende!”, engade María.

Colchas de voces evoca dende o seu título unha das expresións utilizadas por Begoña Caamaño para sinalar as fontes clásicas das que partía nas súas novelas: “Chego mesmo a botar man de personaxes por outros inventadas. (…) Xorde un relato que semella obra miña pero que, en realidade, é como esas colchas tecidas de retallos vellos: unha historia creada con imaxes xurdidas doutras historias prestadas, cos refugallos das historias que a min me chegaron”. A cita pertence ao texto que a autora escribiu para a presentación de Morgana en Esmelle que se reproduce na edición conmemorativa das Letras Galegas da RAG, dispoñible na sección de publicacións de academia.gal. O segundo episodio deste programa da RAG, realizado co apoio económico da Xunta de Galicia, será unha conversa coa escritora Antía Yáñez e estrearase no mes de xuño.

Comparte éste artículo
No hay comentarios