O presidente provincial, Valentín González Formoso, e o alcalde, Mariano Iglesias, asinaron hoxe o convenio de colaboración que garante a continuidade das actividades didácticas e divulgativas do centro.
O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e o alcalde de Mesía, Mariano Iglesias, asinaron hoxe un convenio de colaboración para financiar o proxecto de actividades da Aula da Natureza e o Museo Etnográfico das Brañas de Valga durante este ano. Esta colaboración, que comezou no 2012, permite manter operativo un espazo de promoción cultural e do turismo da natureza na comarca.
O acordo establece un orzamento total de 87.057 euros para o desenvolvemento das actuacións previstas ao longo deste ano. A institución provincial achegará o 80% deste investimento, que se destinará principalmente a sufragar os custos de persoal, incluíndo peóns de xardinería e monitores de tempo libre, así como os gastos correntes derivados do material didáctico, a realización de obradoiros e o mantemento das instalacións.
Coa achega provincial, o centro é quen de continuar coa programación de visitas guiadas e obradoiros para centros educativos, asociacións e familias. Entre as actividades previstas destacan os talleres de cerámica e modelado de barro, moi relacionados coa actividade oleira da zona, así como outros de uso de plantas medicinais ou de análise do solo, especializadas en grupos escolares.
Valentín González Formoso destacou que “con este investimento garantimos que un espazo tan valioso para a educación ambiental siga sendo un referente educativo para os milleiros de escolares que o visitan cada ano”..
Pola súa banda, Mariano Iglesias sinalou que “é un apoio importante para nós, xa que nos permite seguir mantendo un centro de moita relevancia para Mesía e que pon en valor a nosa riqueza etnográfica e ambiental”.