O secretario xeral do PSdeG de Santiago e deputado no Parlamento de Galicia, Aitor Bouza, anunciou que o Partido Socialista levará de novo ao Parlamento galego as demandas da Escola Oficial de Idiomas de Santiago para reclamar á Xunta unha ampliación das instalacións e unha mellora da oferta educativa dun centro que considera “importante” para Compostela.
Bouza lembrou que o PSdeG leva “varios cursos escolares” escoitando as reivindicacións da representación da Escola Oficial de Idiomas e advertiu de que se trata dunha demanda sostida no tempo pola comunidade educativa. “Xa o fixemos nas últimas emendas aos orzamentos de Galicia”, sinalou, criticando que o Partido Popular votase en contra das propostas socialistas.
Neste sentido, o deputado cargou contra a postura do señor Borja Verea indicando que “como conselleiro xa sabemos que ten unha postura, despois como deputado outra”, afirmou Bouza, quen criticou que o Partido Popular vote “totalmente ao contrario dos intereses dos veciños e veciñas de Compostela”.
Bouza puxo o foco no incremento da demanda da Escola Oficial de Idiomas e advertiu de que o “aumento exponencial da matrícula” evidencia o interese da veciñanza de Compostela e da súa contorna por este tipo de ensinanzas. Así, reclamou á Xunta “esa ampliación dos espazos” da EOI e criticou que “a día de hoxe ten incluso as súas clases de maneira fragmentada e dividida en dous centros diferenciados”, en referencia á docencia que tamén se imparte en San Lázaro.
O deputado socialista defendeu ademais a necesidade de avanzar cara á “reunificación” da actividade docente e reclamou que se amplíen tamén “as linguas que se ensinan” na Escola Oficial de Idiomas.
O dirixente socialista defendeu tamén o papel da ensinanza de idiomas para construír “unha sociedade máis igualitaria” e garantiu que o PSdeG seguirá reclamando medidas para reforzar este tipo de formación pública.
Para concluír, avanzou que as e os socialistas esixirán no Parlamento de Galicia que a ampliación da Escola Oficial de Idiomas se faga “tendo en conta á comunidade educativa” e non “de maneira unilateral”, como denunciou que adoita actuar a Consellería de Educación.