Centos de persoas chegadas de distintos puntos de España converterán O Rosal no gran centro do balonmán base e sénior.
O Rosal xa latexa ao ritmo do balonmán. O que durante meses foi un soño construído con adestramentos, esforzo e ilusión está a piques de converterse nunha das fins de semana máis especiais da historia deportiva do municipio. O pavillón Javi Díazserá escenario das Fases de Ascenso á División de Honra Prata e do sector nacional infantil do Valinox Novás, unha cita histórica tanto para o club como para toda a veciñanza. Será a primeira vez que O Rosal acolla dúas fases de ascenso na mesma fin de semana e tamén a primeira ocasión na que se dispute no municipio un sector nacional infantil.
Durante varios días, o deporte converterase nun auténtico punto de encontro para xogadores, afeccións e familias chegadas desde Canarias, Navarra, País Vasco, Zamora ou Almería, que se desprazarán ata O Rosal para acompañar aos seus equipos nunha cita decisiva da tempada.
Dende o Concello destacan o enorme esforzo realizado nas últimas semanas en colaboración co club para organizar todo en tempo récord e deixar preparadas unhas instalacións á altura dun evento desta magnitude. Traballos de montaxe, coordinación e loxística que permitirán recibir a centos de visitantes nunha fin de semana que terá tamén un importante impacto social e económico para o municipio.
A alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández Callís, destacou que “afrontamos unha nova páxina para a historia do balonmán, do deporte e do noso pobo. Chegar ata aquí é o resultado do esforzo de moitas persoas que levan décadas construíndo comunidade arredor do Valinox Nováse facendo medrar unha canteira da que hoxe sentimos un orgullo inmenso”.
A rexedora tamén puxo en valor o papel da base do club e o traballo desenvolvido durante anos. “Esta é a fin de semana da nosa canteira, da rapazada que soñou con competir cos mellores e conseguiu facelo posible. Pero tamén é a fin de semana do primeiro equipo, que pelexa por recuperar a categoría Prata e volver situar ao Novás onde merece estar. Hai moito orgullo, moito legado e moita emoción detrás de cada partido”, sinalou.
O sector nacional infantil simboliza precisamente ese relevo xeracional e o excelente momento deportivo que vive o club rosaleiro, cunha canteira que continúa medrando e acadando fitos históricos. Pola súa banda, o primeiro equipo xogará unha fase decisiva co obxectivo de regresar á División de Honra Prata, categoría na que o Novás xa militou durante anos antes do descenso da pasada tempada.
Dispositivo especial de tráfico
Con motivo da celebración da fase de ascenso no Pavillón Municipal Javi Díaz, o Concello porá en marcha un dispositivo especial de tráfico e mobilidade para facilitar os desprazamentos e garantir a seguridade. Estará prohibido o acceso, agás para garaxes, persoal da organización e persoas con mobilidade reducida ou asimilables, nas rúas Simón do Mazo no tramo próximo ao pavillón municipal e tamén na rúa Camiño da Feira no acceso superior.
Ademais, estableceranse direccións únicas obrigatorias nas rúas próximas ao pavillón para facilitar o tránsito de vehículos e evitar incidencias durante os encontros. Tamén haberá catro zonas de estacionamento sinalizadas nas inmediacións, recomendándose á veciñanza e ás persoas visitantes o uso dos aparcadoiros públicos habilitados.
Na rúa Cabaqueiros o acceso quedará restrinxido unicamente a garaxes e carga e descarga, realizándose a entrada pola rúa Xulio Sesto. Dende o Concello recoméndase circular con precaución, colaborar co operativo previsto e respectar en todo momento a sinalización circunstancial instalada para a ocasión.
O Concello anima a toda a veciñanza a participar, encher as bancadas e acompañar ao club nunha fin de semana que promete emoción, ambiente e moito balonmán. “Agora toca desfrutar, soñar e animar máis forte ca nunca. A historia tamén se escribe desde a bancada”, concluíu a alcaldesa.