Arteixo e Silva empatan nun derbi sen tensión

O Silva, á espera do ascenso do equipo galego que xogue a fase para non baixar, puido asinar a súa despedida da Terceira cun empate logrado cos méritos contraídos no segundo tempo. O Arteixo, que vén queimando xornadas de preparación para esa fase de ascenso, foi mellor na primeira metade, na que se adiantou con goles de Iker e Iván. O Silva recortou por medio de Iago Pérez cando o partido superara a hora, e igualou cun gol de Rodrigo, o capitán, que atinou na derradeira contra do partido. Polos visitantes estreáronse os metas Barbera e Buján.

Dúas intensidades distintas

Partido intranscendente para rematar a liga. Para o At. Arteixo, un test cara a esa inesperada e merecida fase de ascenso, unha vez garantida a terceira posición; para o Silva, un partido máis queimado nesa incerteza que resolverá en sete semanas e que dará por boa se na eliminatoria final de ascenso o equipo galego que se clasifique derrota ao equipo catalán. Dese xeito, os herculinos evitarían o descenso polo arrastre da Sarriana.
Os dous equipos saíron a agradar, pero con intensidades diferentes. Por iso, quen tivo as primeiras ocasións foi o cadro local, mesmo que foran a balón parado.
No minuto doce, o estreante Barbera estirouse para desviar unha cabezada de Rojo. No seguinte córner os atléticos atoparon a solución nun desmarcado Moreta, pero a cabezada do lateral, neste encontro de extremo, foi desviada.
Moreta, moi activo, foi quen provocou o desequilibrio no marcador. Roubou no primeiro terzo a saída do Silva, deu o pase fácil a Iker, que con moita vantaxe sobre a saída de Barbera, superouno asegurando un disparo aberto co interior do pé dereito.
Á media hora, baixo a tormenta, chegou o susto da tarde nunha acción perto da liña de fondo na que Seydi protexeu a saída do balón máis que a carga do atacante. O central estrelou a cabeza contra banco auxiliar. Afortunadamente, recuperou axiña.
Quen non o fixo tanto foi o seu equipo, que estivo a piques de que lle encaixaran o segundo nun disparo desde a frontal de Rojo. A pelota pasou perto do pau.
Pouco despois, no minuto 39, notouse a inercia dos dous equipos no remate da competición regular. O Silva deu espazo a un ataque rápido local e, malia que a zaga sacou inicialmente o xute na área de Iker, permitiu un segundo disparo a Iván, que acompañaba a xogada para anotar o 2-0.
A continuación, Carletto foi substituído por Adrián Vázquez, que pasou ao eixo da zaga, adiantándose Mouro ao centro do campo.

O Arteixo relaxa e o Silva empata

A segunda metade comezou con tres substitucións nos locais e un saque de centro directo a gol. Barbera atallou perto da escuadra malia que o balón non ía entre os paus por pouco. Aos dous minutos o Silva puido anotar nunha subida de Alvaro Rey. Baldomar, na área, colocou a cabezada frouxa e desviada e Rodrigo non deu completado o gol co pé ao seguir a traxectoria da pelota.
Logo da marcha de Lamas, con molestias, tampouco valeu o segundo achegamento visitante para anotar. A defensa limpoulle o remate a Iago Pérez, que ía na perpendicular ao pau para completar a deixada de costas de Rodri.
O experimentado punta non perdoou na seguinte, superada a hora de xogo, mostrando a excelencia do seu toque. Viu como Baldomar botaba un centro á área e andou rápido ue na anterior para mandar unha volea coa que superou por alto a Hevia,
A parte final cargouna o Silva de emotividade. Diego Armando García recoñeceu o traballo semanal de Buján facéndoo xogador de Terceira Federación nos derradeiros dez minutos da campaña. Igualmente, como xa fixera desde hai dous partidos antes con Fiúza, e no anterior con Estramil, deu entrada a estes defensas para fechar o torneo con eles no sintético.
Buján devolveulle o agasallo ao sacar da escuadra unha cabezada de Hugo García no minuto 89. No seguinte ataque, o Silva compensou o seu dominio no segundo tempo cunha contra que Rodrigo culminou cun xute raso. Décimo gol na liga para o polivalente xogador da banda esquerda.
Empate final para un torneo que continúa activo para o Arteixo e en fase de letargo para o Silva. Os da Coruña volveranse un dos máis apaixonados seguidores do equipo galego que alcance a terceira eliminatoria da fase de ascenso pois do éxito dese cadro dependerá que manteñan a categoría.

Ficha

SÁBADO 09/05/2026 (18,00) Campo: PONTE DOS BROZOS (400)
AT. C. ARTEIXO : 2 – SILVA S.D. : 2 (2‑0)

ART : Hevia; Iván (Marcos D), Hugo García, Tomé (Agulló D), Berrocal; Moreta (José Ramón 61’), Naya, Lamas (Raúl Melo 51’), Queijeiro, Iker (Fabio D); Rojo. Tre. Posi. (Banco: Carlos (g); Pablo Martínez; Rubén Martínez; Otero).
SIL : Barbera (Buján 80’); Álvaro Rey (Estramil 80’); Bilal (Fiúza 80’), Seydi, Moure, Rodrigo; Baldomar, Carro, Carletto (Adrián Vázquez 40’); Iago Pérez, Rodri (João 65’). Tre. Diego Armando García. (Banco: Gabri (g); Álex Coba; Máquez; Nico Mosquera).
Goles: 1-0 Iker 24’; 2-0 Iván 40’; 2-1 Iago Pérez 61’; 2-2 Rodrigo 89’.
Árbitro: Estévez Blanco (Galiza-Ourense). Auxiliares: Alcázar González e Rodríguez Fernández.
Disciplina: CA: Baldomar 77’; Naya 85’.

Foto: Moreta fuxindo de Baldomir. © 21noticias.com

Comparte éste artículo
No hay comentarios