O Victoria da Coruña ascende a Segunda Federación tras derrotar por segunda vez ao R. Zaragoza

O deporte feminino a Coruña continúa de parabéns nesta fin de semana. Horas despois que o Maristas subira á segunda categoría do baloncesto español, o Victoria celebrou o seu ao terceiro nivel do fútbol hispano. As herculinas tiñan que defender o gol que trouxeran de vantaxe da capital aragonesa e o ampliaron. Inés, a central do R. Zaragoza, foi a protagonista goleadora do encontro. Abriu o marcador para as galegas e, tras o descanso, conseguiu o empate para as mañas. No último segundo do prolongamento, Cande puxo un brillante corolario á campaña do primeiro equipo victorista facendo o 2-1. A festa das branco e negras poderá continuar na próxima semana co ascenso á Terceira Federación do seu equipo B. O Val foi o outro beneficiado ao manterse na categoría.

O comezo desexado

O Victoria podía formular o partido de volta de xeito especulativo, logo de vir cun favorable 1-2 da capital aragonesa, pero decidiu non arriscar tendo en conta a igualdade de nivel entre os contendentes e que un triunfo mínimo das realaragocistas levaría o partido á prórroga, que de manterse, daría o ascenso ás mañas.
Se no partido de ida a importancia do xogo a balón parado foi decisiva, o argumento repetiuse no Víctor Fernández Alonso. Co partido sen dono, o Victoria adiantouse aos once minutos. Albita colgou unha falta á área desde os tres cuartos, Cande conectou unha cabezada espectacular, Gema respondeu cunha estirada do mesmo cualificativo e Inés, sen querer, despexou na dirección errada, mandando a pelota ao fondo da súa portería.
O partido foi tremendamente físico, con moito balón dividido no que se impuñan as locais na maior parte das veces. Houbo paróns polas lesións de Adriana, que tivo que deixar o partido moi cedo. Río, bravísima todo o partido, apañaba a maior parte dos golpes das visitantes e Lucía, que creceu a medida que corrían os minutos, apañaba os golpes que daban as galegas.
Nas sombras dese fútbol tamén sobresaía Peque. A mediacentro victorista collía a vasoira para varrer cada balón dividido na franxa central e malia a súa máscara, mostraba unha imaxe de solidez inquebrantable.
Case non houbo ocasións até que o cansazo comezou a pasar factura. No minuto 37, Río evitou problemas maiores ao despexar un centro de Játiva, e no 42 foi Ainhoa quen rexeitou o xute desde fóra da área de Lucía. A meta local tamén estivo extraordinaria antes do descanso. Na derradeira ocasión do período, gañou a Lucía nun man a man cando a volante forasteira aparecera na área sorprendendo a Albita.
No medio, o Victoria puido anotar o segundo noutra parecida ao primeiro. Albita colgou o coiro á área, Río cabeceou e Gema puido elevar a pelota para que acabara botando sobre o traveseiro.

O Victoria sufre até que Cande acende as luces da festa

O segundo tempo foi moi diferente. O R. Zaragoza empatou axiña. Lucía sacou un córner ao segundo pau e Inés desquitouse do erro do primeiro tempo cunha cabezada cruzada á que non chegou Ainhoa.
As visitantes pasaron a ter o control do partido baixo a bicefalia de Lucía e Ixeia. Ao seu fútbol repartido por todos os espazos, interiores e exteriores, sumáronse os constantes centros á área de Torres.
O Victoria quixo evitalo, pero só o logrou de xeito discontinuo, como nun disparo afastado de Nuria Sánchez que detivo facilmente Gema.
No minuto 53, unha cabezada de Lucía foi salvada por Ainhoa con outra enorme estirada até a base do pau.
Sergio Aréjula permutara ás extremos e o seu equipo gañou amplitude. Mesmo así, nunha mala saída, Peque roubou a pelota a Emma e fechou a xogada xutando alto co corpo desequilibrado.
A continuación, na outra frontal, Amado lanzouse ao chan para tocar o xusto un disparo de Laura e que a bola batese no traveseiro.

A peor acción de Ainhoa deuse no minuto 69, nun saque de porta que ficou no primeiro terzo de campo, Lucía cortou cunha cabezada orientada para Cecilia, a punta encarou á cerbero local, pero Ainhoa rectificou o erro co despexe.
A mesma Cecilia xutou de volea un centro de Torres desde a dereita. A atacante preferiu sorprender de primeiras sen controlar o coiro, pero saíulle mal a execución.
O Victoria case resolveu a eliminatoria noutra acción a balón parado. Albita sacou un córner desde a dereita de Gema e Nuria Sánchez, na perpendicular do segundo pau, mandou a pelota a rentes del cun testarazo.
As últimas substitucións de Javi Angeriz volveron a mostrar a preclaridade do técnico coruñés. O Victoria, máis fresco, matou o partido mesmo ofrecéndolle a pelota ás rivais.
No prolongamento, un balón longo para Cande non foi ben medido por Gema, na dúbida, a atacante galega apertou a xogada, levou o coiro coa cabeza e proxectouse cara á área para anotar a porta baleira un gol que valía o triunfo, aseguraba a invencibilidade do Victoria en fases de ascenso e, sobre todo, puña ao cadro de Santa Lucía na terceira categoría do fútbol español.
Co saque de centro chegou o asubío final e o punto de comezo da festa das cebras nun ateigado Víctor Fernández Alonso. Os éxitos poden continuar se o equipo B fai un punto nas tres últimas xornadas da Primeira Galega, porque ocuparía o lugar que deixa o seu primeiro equipo na Terceira Federación.
O outro beneficiado do ascenso foi O Val, que evita o arrastre que provocaba o descenso do At. Villalonga.

Ficha

DOMINGO 10/05/2026 (11,30) Campo: VÍCTOR FERNÁNDEZ ALONSO (1.000)
VICTORIA C.F. : 2 – R. ZARAGOZA : 1 (1-0)

VCF : Ainhoa; Amado, Albita, Río, Valeria; Marta Cascón (Marta Ponte 63’), Lau (Merino 72’), Alma (Maca 72’), Peque, Nuria Sánchez (Pereira 88’); Cande. Tre. Javi Angeriz. (Banco: Xiana (g); Lucía Lorenzo; Sofía).
ZAR : Gema; Torres, Daniela, Inés, Vega (Noa 82’); Lucía, Adriana (Emma 18’), Ixeia; Játiva (Laura 61’), Cecilia, Ale (Lorena 61’). Tre. Sergio Aréjula. (Banco: María Marcén (g); Paula; Ainhoa).
Goles: 1-0 Inés 11’(pp); 1-1 Inés 51’; 2-1 Cande 90’.
Árbitra: López López (Galiza-A Coruña). Auxiliares: Izzi García e Araujo.
Disciplina: CA: Lucía 89’ / Sergio Aréjula (tre. ZAR) 44’ // VD: Ignacio Retamal (prep. fís. ZAR) 56’.

Fotos: © 21noticias.com

Comparte éste artículo
No hay comentarios