O título “Renegade Jammer”, gañador do Premio ao Mellor Xogo Indie na Lérez Up, en Pontevedra, e do galardón ao Mellor Xogo Académico no BCN Game Fest, en Hospitalet de Llobregat (Barcelona), será o primeiro en formar parte da exposición permanente do museo e poderá atoparse tanto área dedicada ao videoxogo galego como en calquera outra sección de interese.
A Universidade da Coruña (UDC) e a Fundación Museo do Videoxogo de Galicia veñen de asinar un convenio de colaboración para a promoción do videoxogo como ámbito de creación cultural, artística, tecnolóxica e industrial, así como para o impulso da formación especializada, a investigación aplicada e a transferencia de coñecemento neste ámbito. Esta sinatura abre a posibilidade real de crear unha nova liña de preservación, catalogación e de divulgación centrada nos Traballos Fin de Máster (TFM) que se presentan e defenden na Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF) no marco do máster en Deseño, Desenvolvemento e Comercialización de Videoxogos.
Deste xeito, as demos dos xogos, creadas polo alumnado deste título durante a súa etapa de formación no Campus Industrial de Ferrol, serán preservadas en formato interactivo no Museo do Videoxogo (MUVI). A Universidade da Coruña (UDC), a través da Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF), realizará un envío anual normalizado das demos xunto coa información asociada necesaria integrando todo nun único procedemento unificado de conservación.
O título “Renegade Jammer” será o primeiro en formar parte desta iniciativa. O xogo foi desenvolvido nos cursos 2023/24 e 2024/25 e presentado como traballo final do máster en Deseño, Desenvolvemento e Comercialización de Videoxogos por Manuel Sanjurjo Penas (Produción, Cinemáticas e Animación), Álvaro E. Martos Suero (Programación de Gameplay e VFX), Gael Alberto Quintela (Game Design e Son), Andrea V. Salgado Errada (Concept Artist 2D e Texturizado), Andrea Alonso Montes (Concept Artist e UI), e David Muradás Gallardo (Iuminación, 3D Artist e Set Dressing). No ano 2025, esta demo conseguiu o Premio ao Mellor Xogo Indie na Lérez Up, en Pontevedra, e o Galardón ao Mellor Xogo Académico na BCN Game Fest, en Hospitalet de Llobregat (Barcelona).
Ao longo deste mes de maio, a primeira destas demos nada no Campus Industrial de Ferrol pasará a formar parte dos proxectos do Videoxogo Galego do Museo do Videoxogo (MUVI). A maiores, a súa inclusión neste proxecto de preservación, catalogación e divulgación permitiralle participar naqueles eventos nos que habitualmente colabora a Fundación Museo do Videoxogo de Galicia ao longo de todo o territorio.
Tal e como poñen de manifesto a Universidade da Coruña (UDC) e a propia Fundación, esta colaboración permitirá recoñecer a experimentación e desenvolvemento universitario como “unha nota tipoloxía de videoxogo galego que deber ser preservada e estudada.”. Nesta liña, o Museo do Videoxogo (MUVI) traballa xa na incorporación desta categoría ás bases de datos públicas do videoxogo galego e na súa futura integración dentro do arquivo da Biblioteca de Galicia. Un proceso que tamén terá o seu impacto na base de datos pública de DeVuego, entidade que colabora coa Fundación Museo do Videoxogo de Galicia.