Máis de 1100 persoas traballadoras chegadas de toda Galicia concentráronse esta mañá ante a sede da Confederación de Empresarios de Pontevedra (CEP), en Vigo, para lles esixir ás patronais que cesen no bloqueo á negociación dos convenios nos distintos sectores, nun momento en que están a multiplicar os seus beneficios, e tamén para reclamar que cese a campaña de acoso e derruba da Xunta e a patronal sobre o mal chamado ‘absentismo’.
Ao termo celebrouse unha asemblea de persoas delegadas de CCOO de Galicia no auditorio Mar de Vigo baixo o lema «A forza de cambiar as cousas: salarios, vivenda e democracia» e na que tamén participou o secretario confederal de Acción Sindical de CCOO, Javier Pacheco.
En declaracións aos medios antes da concentración, a secretaria xeral de CCOO de Galicia, Amelia Pérez, explicou que a organización estará presente no diálogo social para abordar o asunto das baixas, «pero falando do que hai que falar, non do que lles interesa ao presidente da Xunta e ao Partido Popular». En primeiro lugar, utilizando os termos correctos: «O absentismo son as faltas inxustificadas», aseverou.


Nese senso, avisou de que porán enriba da mesa «con seriedade e rigor» as listaxes de agarda, a tardanza en obter unha diagnose ou a elevada mortalidade en sinistros laborais. Pontevedra, lembrou, é unha das provincias con máis accidentes de traballo.
A secretaria xeral tamén aludiu ao problema da vivenda, cuns prezos que están a castigar a clase traballadora. As subas disparadas dos alugueiros, apuntou, non van acordes cos incrementos salariais, o que fai que cada vez máis familias non poidan ter acceso á vivenda nin chegar a fin de mes. Este asunto xa estivo entre as principais reivindicacións do 1 de Maio: «Non son slogans, son as tarefas que temos pendentes», sinalou. O obxectivo é que o gasto en vivenda non supere o 30 % dos ingresos das familias.
Xa durante a súa intervención na asemblea, ademais de abundar nestas cuestións, Amelia Pérez reflexionou sobre a papel das Comisións Obreiras fronte aqueles que aseguran que as organizacións sindicais perderon o seu papel por abordar cuestións que transcenden o laboral e ata desexan a súa desaparición. «Somos un sindicato sociopolítico, non imos renunciar a repartir a riqueza, nin á igualdade de oportunidades. Defendemos servizos públicos de calidade porque iso tamén é combater a precariedade; non só combatemos a precariedade nas nóminas».
A secretaria xeral de CCOO de Galicia reivindicou o valor da organización como o motor esencial para mellorar a vida das persoas traballadoras. «Claro que sabemos saír á rúa», recalcou, e aludiu a conflitos activos como o da industria e o do comercio do metal, o das escolas infantís 0-3 ou o da alimentación. Pero cómpre combinar mobilización e negociación, esgrimiu. «Un sindicato que só negocia é feble, un que só se mobiliza é inútil», argumentou, para rematar animando as persoas delegadas no traballo sindical dos próximos meses: «A patronal non regala nada, todo o que temos arrincámolo».
AENC
Pola súa banda, o secretario confederal de Acción Sindical, Javier Pacheco, fixo un chamamento directo ás organizacións empresariais de ámbito estatal para que restablezan o Acordo para o Emprego e a Negociación Colectiva (AENC). Denunciou o feito de que a falta de renovación deste marco está a provocar unha onda de obstrución patronal na maioría dos convenios colectivos de todo o país, «utilizando a trampa do absentismo para camuflar a súa negativa a distribuír beneficios». Nese aspecto, puxo o exemplo das mobilizacións do metal de Pontevedra, ao cal ofreceu total apoio: «A patronal manufactureira está a gañar máis cartos ca nunca a expensas da dignidade das persoas traballadoras».
O dirixente sindical expuxo a folla de ruta do sindicato para afrontar unha situación global incerta e reverter «o paradoxo inxusto dun país onde a economía, a produtividade e os beneficios empresariais baten récords mentres os salarios de 11 millóns de traballadores permanecen estancados». O sindicato porá «todos os seus recursos á súa disposición para alimentar os conflitos laborais e exercer presión sobre as mesas de negociación se a patronal insiste en ser amarrada cos horarios e os salarios».
Dados os ciclos de inflación flutuantes de marzo e abril, que xa superaron as previsións estimadas para 2026 polo impacto da guerra e o bloqueo do estreito de Ormuz provocado pola guerra de Irán, o líder sindical insistiu na necesidade dunha intervención directa nos prezos.
«Non podemos repetir a situación vivida durante a guerra de Ucraína, cando as exencións fiscais públicas acabaron financiando marxes de beneficio récord para refinerías e oligarcas petrolíferos». Por iso, esixiu que as desgravacións fiscais estean vinculadas a controis estritos de prezos e que se apliquen medidas masivas de protección social: unha inxección directa de 300 euros —ou un aumento equivalente da renda mínima— para os máis vulnerables, a recuperación inmediata do transporte público gratuíto e unha chamada á «dignidade e responsabilidade» dos grupos parlamentarios do Congreso «para reinstaurar urxentemente o límite do alugueiro que deixou a miles de familias nun limbo legal».