Iria Castro: “ esta actitude evidencia que esta decisión non responde a unha vontade para mellorar o deporte escolar nin a organización de actividades deportivas, senón a un evidente problema persoal”.
O martes da semana pasada houbo unha reunión informativa cas familias onde en teoría o PSOE ía explicar o seu proxecto de escolas deportivas pero en realidade, o alcalde, lonxe de ofrecer información clara ou explicacións, dedicouse a desprestixiar a Iria Castro, voceira municipal do BNG, acusándoa de publicar bulos, o que é categoricamente mentira. De feito, nin el nin a concelleira de deportes puideron explicar claramente cal é o seu obxectivo de escolas deportivas. Para Iria Castro, voceira, “esta actitude evidencia que esta decisión non responde a unha vontade para mellorar o deporte escolar nin a organización de actividades deportivas, senón a un evidente problema persoal”.
Dende o BNG advertimos, despois desa reunión que todo apunta a que o PSOE pretende dar prioridade a unha nova asociación promovida dende o propio goberno local, sen aclarar quen formará parte da súa directiva nin cal será o procedemento seguido para a súa creación, ou cal será o funcionamento da mesma, e se vai levar o groso do xa mínimo orzamento para actividades deportivas, deixando a outras entidades sen financiamento público.
Lamentamos profundamente o escaso apoio que o goberno municipal está a demostrar cara a proxectos de deporte base cunha ampla traxectoria en Castroverde, iniciativas que durante anos contribuíron á formación deportiva e social de moitas nenas e nenos do concello e que agora, de confirmarse estas intencións, poderían ter que xogar en concellos limítrofes.
Iria Castro, voceira, sinala que “O máis grave sería que os rapaces e rapazas de Castroverde teñan que desprazarse a concellos limítrofes para poder seguir xogando a fútbol sala simplemente porque a concelleira de Cultura non lles quere deixar utilizar o pavillón municipal. É como se quixeran montar unha banda municipal de música e lles prohibiran o uso do Paco Pestana a Zuncurrundullo”.
Dende o BNG seguiremos defendendo os intereses das familias e dos nenos e nenas afectadas e esixímoslle ó goberno do PSOE que garanta un acceso igualitario ó pavillón para todos os clubs deportivos existentes.
Alén diso, trasladaremos isto e outras iniciativas relacionadas co uso das instalacións municipais ó vindeiro pleno deste mes. Traballamos para mellorar Castroverde.