O colectivo de Enxeñeiros de Montes e Forestais esixe á Xunta que execute a sentenza de estabilización laboral tras meses de demora

O Colectivo Galego de Enxeñeiros de Montes e Forestais denuncia un novo incumprimento por parte da Xunta de Galicia dunha sentenza firme relacionada cos procesos de estabilización do emprego público derivados da Lei 20/2021. En concreto, o conflito afecta ao colectivo de Enxeñeiros de Montes e Forestais incluídos no concurso de méritos para persoal temporal de longa duración.

A sentenza correspondente ao Procedemento Ordinario 276/2023, xunto co seu auto aclaratorio de outubro de 2024, obrigaba á Administración autonómica a ampliar de 14 a 23 as prazas ofertadas para Enxeñeiros de Montes no devandito concurso de méritos. Porén, malia que a resolución xudicial adquiriu firmeza en xaneiro de 2025, a Xunta non executou o establecido polo tribunal.

Ante esta situación, as persoas afectadas solicitaron en xuño de 2025 a execución forzosa da sentenza. Nas súas alegacións, a Xunta de Galicia sostivo que na actualidade xa non existen prazas que cumpran os requisitos establecidos pola Lei 20/2021, argumentando así a imposibilidade legal de executar a resolución xudicial. Esta circunstancia supón, na práctica, deixar sen efecto unha sentenza firme e frustrar a posibilidade de acceso á función pública das persoas que acudiron aos tribunais para defender os seus dereitos.

O auto emitido polo tribunal en marzo de 2026 únicamente contempla como alternativa a posibilidade de reclamar unha indemnización pola perda de oportunidade de acceso á condición de funcionario público, unha solución que dende o colectivo se considera insuficiente e profundamente inxusta despois de acumular décadas de contratos temporais en abuso, tendo en conta que, a día de hoxe moitos deles se atopan en situación de desemprego ou con novos contratos temporais, tras décadas de precarización laboral.

O Colectivo Galego de Enxeñeiros de Montes e Forestais sostén que a Xunta coñecía perfectamente que, inmediatamente despois de que a sentenza adquirise firmeza, existían prazas que cumprían os requisitos esixidos pola Lei 20/2021 o que permitía executar a resolución xudicial. Non obstante, ditas prazas non foron reservadas e remataron sendo adxudicadas a persoas procedentes de procesos selectivos previos ao concurso de méritos, pese a que existían outras vacantes alternativas para ese persoal.

Esta actuación é interpretada como unha mostra de “mala fe administrativa” e tamén de “agravio comparativo” respecto doutros colectivos da propia Administración autonómica. Como exemplo, sinálase o caso do persoal das brigadas de extinción de incendios forestais, onde chegou incluso a paralizarse unha oposición en marcha para ampliar prazas e dar cumprimento a unha sentenza de características semellantes.

Desde o colectivo considérase que a actuación da Xunta evidencia unha estratexia deliberada de dilación destinada a xerar unha situación de imposible cumprimento, baseada na desaparición de prazas adaptadas á Lei 20/2021. Coa bendición do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia a Xunta pretende pechar o conflito mediante indemnizacións económicas sufragadas con fondos públicos, sen que ningún responsable político ou administrativo asumise consecuencias polo incumprimento dunha sentenza firme, e sen que o persoal afectado poida estabilizar o seu posto de traballo.

Comparte éste artículo
No hay comentarios