O Concello tiña solicitado esa axuda dentro do Plan de Cooperación cos Concellos do ano 2024; pero, finalmente, renunciou a ela porque, segundo o goberno local, “a obra non se executou pola falta de empresas que concorresen á licitación”.
O voceiro do PP de A Pobra do Brollón, Teddy López, advirte de que “a nefasta xestión do alcalde nacionalista levou ao Concello a renunciar a unha achega de preto de 50.000 euros da Deputación de Lugo correspondente ao Plan de Cooperación cos Concellos do ano 2024”.
O Concello solicitara esta subvención para executar a humanización do segundo tramo da rúa da Igrexa. “Con todo, e malia dispoñer de prazo ata finais do 2025 para executar a actuación, o proxecto non chegou a executarse”. Segundo recoñeceu o propio goberno local, a renuncia á axuda produciuse pola falta de empresas que concorresen ao proceso de licitación.
Neste sentido, Teddy López subliña que “o problema é aínda máis grave”, xa que esa falta de licitación “non é un feito illado nin alleo á xestión municipal, senón consecuencia de que o propio goberno local non é capaz de atopar empresas interesadas en executar este tipo de obras”. Para o voceiro popular, isto evidencia “un problema estrutural na maneira de planificar, dimensionar e xestionar os proxectos municipais”.
O PP advirte de que esta situación “pode repetirse noutras obras e subvencións futuras”, o que suporía “seguir perdendo financiamento doutras administracións e atrasando ou impedindo actuacións necesarias para mellorar o concello. Se non se corrixe esta dinámica, A Pobra do Brollón corre o risco de quedar atrás en investimentos fundamentais para os veciños”, alertou López.
Finalmente, o voceiro popular lamentou que esta renuncia implique “non só perder preto de 50.000 euros, senón tamén unha oportunidade real de mellorar unha rúa importante do municipio” e acusou ao goberno local de “encadear promesas incumpridas, perda de axudas públicas e unha xestión que acaban pagando os veciños e veciñas”.