A deputada Yoya Neira participou na Coruña no I Encontro de Entidades e Colaboradores do Banco de Alimentos da provincia.
A deputada de Educación e Mocidade, Yoya Neira, participou hoxe na Coruña no I Encontro de Entidades e Colaboradores do Banco de Alimentos da provincia da Coruña, unha xornada celebrada baixo o lema “Alianzas que cambian vidas” e centrada no recoñecemento ao traballo das entidades, empresas, institucións e persoas voluntarias que colaboran coa organización.
Na súa intervención, Neira puxo en valor o papel do Banco de Alimentos como “unha organización fundamental para miles de persoas” e agradeceu o traballodo seu presidente, Manuel Mora e do seu equipo, así como “de todo o voluntariado e das numerosas entidades colaboradoras, sen as que todo sería moito máis complexo e, moitas veces, inabarcable”.
A deputada destacou que a Deputación da Coruña mantén unha colaboración estreita coa entidade cuxo labor “permite chegar a persoas ás que as administracións públicas ás veces non damos chegado”, afirmou Yoya Neira, que subliñou que “a mellor maneira de progresar é unindo forzas”.
Apoio constante da Deputación ao Banco de Alimentos
Desde o ano 2020, a Deputación da Coruña leva achegados máis de 450.000 euros ao Banco de Alimentos da provincia. Ademais, en xaneiro deste ano a institución provincial reforzou o seu apoio cunha nova achega de máis de 100.000 euros destinada á compra de alimentos de primeira necesidade e ao financiamento dos gastos de persoal necesarios para manter a actividade da entidade, da que se benefician arredor de 26.000 persoas da provincia. O Banco de Alimentos conta tamén con furgonetas de transporte de mercancías financiadas pola Deputación.
O encontro, celebrado na sede da Fundación ONCE da Coruña, incluíu proxeccións audiovisuais, unha intervención do presidente do Banco de Alimentos da provincia, Manuel Mora, unha actuación musical a cargo de integrantes da Orquestra Sinfónica de Galicia e un coloquio sobre responsabilidade social no século XXI.